O proxecto forma parte do programa conxunto de I+D que están a desenvolver na Civil UAVs Initiative e foi testado no encoro da Baxe, en Caldas de Reis

As características da embarcación non tripulada empregada nas probas permiten a súa utilización en zonas protexidas sen comprometer a contorna

Participaron tamén nos ensaios os centros tecnolóxicos galegos Gradiant e Cetmar

Santiago de Compostela, 26 de agosto de 2024. A Xunta de Galicia e a compañía Avincis completaron con éxito as primeiras probas dun innovador sistema para a monitorización e control da biodiversidade en ecosistemas fluviais e mariños con vehículos non tripulados. Os ensaios tiveron lugar no encoro da Baxe, en Caldas de Reis.

O proxecto forma parte do programa conxunto de I+D que a Xunta e Avincis están a desenvolver na Civil UAVs Initiative. O seu obxectivo é dotar aos servizos de control de calidade das augas en rías, estuarios e cursos fluviais das vantaxes das tecnoloxías non tripuladas, permitindo monitorizar os impactos sobre a biodiversidade de ecosistemas mariños e fluviais.

Na realización das probas empregouse un pequeno vehículo de superficie non tripulado e multifuncional, dotado cunha sonda que permite medir parámetros como temperatura, condutividade, profundidade, osíxeno disolvido, materia orgánica, pH, clorofila ou turbidez, entre outros, que son fundamentais para monitorizar a poboación de fitoplancton e a saúde do ecosistema natural; cun sistema de toma de mostras; cun sonar de barrido lateral, que facilita o cartografado do fondo mariño e permite identificar diferentes tipos de pradeiras distribuídas nas rías e estuarios, cun alto valor ecolóxico.

As características do vehículo non tripulado permiten a súa utilización en zonas protexidas sen comprometer a biodiversidade e sen causar danos nin nos solos nin na calidade da auga. Nomeadamente conta con dimensións reducidas (160 x 70 x 40 cm), calado pouco profundo, comunicación en tempo real con centros de control e outros drons con alcance de ata 8 quilómetros, alta duración da batería (6 horas) e uso dun sistema de propulsión eléctrica por hélice de chorro de auga.

Na realización destas probas participaron tamén os centros tecnolóxicos Gradiant, que desenvolveu o sistema de comunicacións da embarcación non tripulada; e o Centro Tecnolóxico do Mar (Cetmar), responsable do funcionamento das cargas de pago do dron mariño.

Programa de I+D

Avincis está a traballar, en colaboración con Telespazio, outro dos socios estratéxicos da Xunta de Galicia na Civil UAVs Initiative, nun programa de I+D que ten por obxectivo o desenvolvemento de tecnoloxías avanzadas de observación e vixilancia da biodiversidade.

O programa conxunto de Avincis coa Xunta contempla un investimento público-privado de 37,8 M€ (12,28 M€ de aportación pública e 25,51 M€ de aportación privada), o desenvolvemento de seis proxectos de I+D e 11 proxectos complementarios, coa participación de 112 profesionais e a colaboración de 16 empresas e centros de coñecemento, na súa meirande parte galegos. Este programa conta co financiamento do Plan Complementario de Biodiversidade do Ministerio de Ciencia e Innovación.

¡Participa!

Únete á comunidade Civil UAVS Initiative para compartires perspectivas sobre o sector.