Mais de 100 alumnos e alumnas de 3º e 4º de ESO do CPR A Inmaculada de Lugo participan este mes de marzo nas visitas ao Centro de Investigación Aeroportada (CIAR) e ao Parque Tecnolóxico e Industrial de Rozas
Ademais de poñer en marcha a Aula Newton permanente en Tecnópole (San Cibrao das Viñas, Ourense) e das visitas de estudantes, organizarase un concurso dirixido a nenos e nenas de infantil e primaria para dar a coñecer os vehículos non tripulados

Castro de Rei (Lugo), 10 de marzo de 2022. Máis dun cento de alumnos e alumnas de 3º e 4º de ESO do CPR A Inmaculada de Lugo (Maristas) coñecerán de preto este mes de marzo o traballo que se realiza no eido dos vehículos non tripulados no Centro de Investigación Aeroportada de Rozas (CIAR) así como nas instalacións das empresas Indra e Babcock no Parque Tecnolóxico e Industrial de Rozas.

Estas actividades enmárcanse no programa de fomento das vocacións científico-tecnolóxicas do Polo Aeroespacial de Galicia Voando alto, sumando vocacións, co que a Xunta de Galicia segue a impulsar novas actuacións para promover as profesións tecnolóxicas entre a xente moza, especialmente entre as nenas.

Con estas actuacións, nas que se implicarán tamén os futuros novos socios estratéxicos da Xunta no Polo de Rozas, perséguese atraer á xente moza cara a áreas tecnolóxicas relevantes para o desenvolvemento económico e social, como é o caso do sector aeroespacial, incrementando a demanda de profesións STEM e contribuíndo a reducir a fenda de xénero neste tipo de estudos.

O primeiro grupo de escolares do CPR A Inmaculada coñeceu esta semana un dos drons que se desenvolveron no Polo Aeroespacial e as súas utilidades e intercambiou impresións cos profesionais que traballan nesta iniciativa estratéxica da Xunta de Galicia. Unha visita na que participaron a directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, e o delegado da Xunta de Galicia en Lugo, Javier Arias.

Entre as actividades que se promoverán destacan as visitas ao Centro de Investigación Aeroportada de Rozas e ao Parque Tecnolóxico e Industrial, a formación en ciencia, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas mediante dinámicas prácticas na Aula Newton permanente situada en Tecnópole e un concurso destinado a alumnos de infantil e primaria para dar a coñecer os vehículos non tripulados e as súas aplicacións, que se desenvolverá ao longo deste curso académico.

Formación no sector aeroespacial

Ademais de acompañar ao alumnado do CPR A Inmaculada na súa visita ao aeródromo de Rozas, a directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, visitou esta semana a Escola Politécnica Superior de Enxeñería de Lugo, onde explicou aos alumnos do Máster en sistemas aéreos non tripulados os proxectos neste ámbito que se promoven desde a Xunta, así como as oportunidades de emprego no sector aeroespacial.

Na sesión docente a directora detallou os diferentes programas e actuacións do Polo Aeroespacial de Galicia ata 2025, así como as características das próximas edicións da aceleradora Business Factory Aero.

No novo período de actuacións do Polo Aeroespacial de Galicia, a Xunta dará un novo impulso á formación neste sector, incrementando a oferta formativa especializada neste eido. Actualmente en Galicia é posible cursar o Grao en Enxeñaría Aeroespacial e do Espazo no Campus de Ourense da Universidade de Vigo; o Máster en sistemas aéreos non tripulados promovido polas universidades de Vigo e Santiago de Compostela; e o Ciclo Superior en Mantemento Aeromecánico do CIFP As Mercedes de Lugo.

¡Participa!

Únete á comunidade Civil UAVS Initiative para compartires perspectivas sobre o sector.