O aeródromo das Gaivotas, en Cerceda, acolle o lanzamento de Cansat, no que participan 23 equipos e máis de 140 alumnos

O día 26 presentaranse os resultados dos proxectos e revelarase o equipo gañador

Cerceda (A Coruña), 23 de abril de 2024

Un total de 23 os equipos de 19 colexios e institutos participaron no lanzamento de satélites elaborados por parte de centros educativos galegos no marco da fase autonómica do programa da Axencia Espacial Europea Cansat 2024, que se desenvolveu no aeródromo das Gaivotas, en Cerceda.

A xornada desenvolveuse arredor de tres actividades: un obradoiro de foguetes químicos e de auga impartida polo alumnado do Centro Público Integrado O Cruce (Cerceda), unha exhibición de drons a cargo de Aeromedia e o lanzamento dos satélites. O secretario xeral técnico da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Manuel Vila, acompañou os alumnos nesta xornada.

Antes de lanzar os satélites, os máis de 140 alumnos participantes comprobaron os pesos, medidas, baterías e frecuencias dos aparellos. A continuación, valéronse de drons para o lanzamento, baixo a coordinación e supervisión de Aeromedia. Finalmente, desprazáronse ata o lugar onde descenderon os artefactos para recuperalos.

Deste xeito, o programa Cansat contribúe a mellorar as competencias científicas do alumnado, ao tempo que os axuda a desenvolverse na resolución de retos tecnolóxicos.

Os centros e equipos participantes son os recollidos na seguinte táboa:

ProvinciaConcelloCentroEquipo
Coruña, AArteixoIES Manuel MurguíaCosmurguía
Coruña, ABetanzosCPR Plurilingüe Nuestra Señora CarmenNOE
Coruña, ACariñoIES Cabo OrtegalPixinSat
Coruña, ACoruña, ACPR Compañía de MaríaCMCSAT24
Coruña, AFerrolCPR AyalaAyalaSAT
Coruña, AMuxíaIES Ramón CaamañoMuxía en órbita
Coruña, ANoiaIES Virxe do MarLata espacial
Coruña, AOrtigueiraIES de OrtigueiraTecnoOrtigueira
Coruña, APontes de García Rodríguez, AsIES Castro da UzUzspace
LugoBurelaIES PerdouroFoghete Pataqueiro-73X
LugoLugoIES Leiras PulpeiroLASA/Tecno-Leiras
LugoMondoñedoIES Plurilingüe San RosendoMINDOROCKETSAT
OurenseGudiña, ACPI Laureano PrietoClub de Ciencias Laureano Prieto
OurenseOurenseIES O CoutoAs programadoras do Couto/Frutilla
PontevedraCaldasIES Aquis CelenisAquisSat3/AquisSat4
PontevedraVigoIES Álvaro CunqueiroPanoramix VII/CoiaSat
PontevedraVigoIES República Oriental do UruguaiRousat-1
PontevedraVigoCPR Las AcaciasLas Acacias SAT
PontevedraVigoCPR MontecasteloMontecasteloSAT

Tras o lanzamento de hoxe, o día 26 desenvolverase un evento para presentar os resultados dos proxectos, nos que se valorará a parte de programación e de construción de hardware, así como a parte de comunicación e difusión das propostas. O equipo gañador da fase rexional representará a Galicia na fase nacional.

Un CanSat é unha simulación satélite integrada dentro dunha lata de refrescos. O desafío para o alumnado consiste en introducir nun espazo reducido os principais elementos dun satélite real, como a alimentación eléctrica, os sensores e o sistema de comunicacións. A continuación, lánzase o CanSat ou déixase caer desde unha plataforma mediante un dron, un globo cativo, un foguete ou calquera outro método. O experimento científico consiste en lograr unha aterraxe sen danos e a análise dos datos durante o descenso.

¡Participa!

Únete á comunidade Civil UAVS Initiative para compartires perspectivas sobre o sector.