• A directora da Axencia Galega de Innovación, (Gain), Patricia Argerey, participou esta mañá nunha das actividades desta iniciativa que se desenvolverá ata xuño no Centro de Investigación Aerotransportada de Rozas (CIAR) en Castro de Rei (Lugo)
  • Participarán centros de ensino de Burela, Ortigueira, Cedeira, Foz e Viveiro
  • Esta actividade, organizada coa colaboración de Babcock, enmárcase no programa de fomento das vocacións científico-tecnolóxicas do Polo Aeroespacial de Galicia

 

Castro de Rei (Lugo), 14 de febreiro de 2020.- A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, participou esta mañá no Centro de Investigación Aerotransportada de Rozas (CIAR) nun dos obradoiros Fly the future, unha iniciativa organizada pola multinacional Babcock en colaboración coa Xunta no marco das actividades de fomento das vocacións científico-tecnolóxicas do Polo Aeroespacial de Galicia.

A actividade Fly the future amosa o lado práctico das carreiras vinculadas coa ciencia, a tecnoloxía, a enxeñaría e as matemáticas (STEM) aos mozos e mozas a través da explicación, interacción e visión das solucións tecnolóxicas desenvoltas pola compañía Babcock no Polo Aeroespacial de Galicia.

Os estudantes do IES O Perdouro de Burela que participaron hoxe na iniciativa realizaron unha visita ás instalacións do CIAR, infraestrutura de referencia a nivel europeo para a realización de ensaios con vehículos non tripulados, e tiveron tamén a oportunidade de ver demostracións de voo con drons e simulacións de realidade virtual con lentes 3D. Desde hoxe e ata o 4 de xuño un total de 145 alumnos de cinco centros educativos participarán neste iniciativa. Ademais do instituto burelense, asistirán estudantes do IES de Ortigueira, do IES Punta Candieira de Cedeira, do IES de Foz e do IES María Sarmiento de Viveiro.

Fly the future inclúese no programa de fomento das vocacións científico-tecnolóxicas do Polo Aeroespacial de Galicia, que inclúe diferentes actividades para o fomento das vocacións científico-tecnolóxicas e que ten como obxectivo espertar o interese polas carreiras STEM entre a mocidade. Está dirixido a estudantes de educación primaria, secundaria, bacharelato, ciclos formativos e educación especial, así como á comunidade universitaria. Tamén contempla accións abertas a todo tipo de público.

Neste contexto, onte comezou tamén a iniciativa Enxeñando futuro, en colaboración con Indra, na que participarán ata xuño 132 alumnos do IES Manuel García Barros da Estrada, do CPI Dr. López Suárez do Saviñao, do IES Urbano Lugrís de Malpica de Bergantiños, do IES Monte das Moas da Coruña e do IES Ricardo Carballo Calero de Ferrol.

O programa de fomento de vocacións científico-tecnolóxicas conta coa colaboración da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, o Instituto Nacional de Técnica Aeroespacial (INTA), o Centro de Investigación Aerotransportada de Rozas e das empresas Boeing, Indra e Babcock.

O vindeiro 9 de marzo levarase a cabo un Open Day ou xornada de portas abertas en Rozas para presentar á comunidade educativa as actividades e proxectos que se están a levar a cabo no marco do Polo Aeroespacial de Galicia.

Descargar artigo

¡Participa!

Únete á comunidade Civil UAVS Initiative para compartires perspectivas sobre o sector.