- A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, visitou en Lugo a empresa 3edata Ingeniería Ambiental, que participou en varios proxectos do Polo
- Na provincia lucense, as pemes que colaboraron coa iniciativa desde 2015 alcanzaron unha facturación de 14,5M€
- O Goberno galego ten aberta a licitación para a selección de entre catro e oito socios estratéxicos e tecnolóxicos para o Polo para os próximos cinco anos e outra para o desenvolvemento de solucións innovadoras para un entorno de simulación U-Space
Lugo, 7 de setembro de 2021.- A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, visitou en Lugo a empresa de base tecnolóxica 3edata Ingeniería Ambiental, nacida da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e dedicada a tecnoloxías de información xeográfica e consultoría especializada no sector ambiental. Ademais, esta peme lucense ten participado en varios proxectos do Polo Aeroespacial de Galicia, o que lle permitiu xerar cinco novos empregos e facturar máis de medio millón de euros en contratos dentro da iniciativa.
Neste sentido, Argerey aproveitou a visita para destacar a contribución do Polo ao reforzo da capacidade tecnolóxica e industrial das empresas galegas, así como a súa diversificación e orientación cara un sector con gran potencial de futuro como é o aeroespacial. De feito, a directora de Gain informou de que no período 2015-2020 foron un total de 28 as pemes que participaron no Polo –en total, contou con máis de 50 axentes implicados–, conseguindo unha facturación conxunta de 26,2 millóns de euros. Con respecto á provincia de Lugo, as pemes participantes na iniciativa acadaron unha facturación de 14,5 millóns de euros, un 59% do total.
Neste senso, Patricia Argerey aproveitou para lembrar que permanecen aínda abertas dúas licitacións vencelladas ao Polo Aeroespacial de Galicia. A primeira delas, cuxo prazo remata o vindeiro venres 10 de setembro, ten por obxecto asinar acordos de asociación, a través dun investimento de 40M€, con entre catro e oito socios estratéxicos e tecnolóxicos para desenvolver arredor de 80 proxectos de I+D na nova etapa do Polo Aeroespacial 2021-2025. Aínda que a licitación está enfocada a grandes empresas, agárdase que produza un efecto tractor sobre 80 pemes galegas.
Por outra banda, continúa aberta ata o 23 de setembro a contratación para o desenvolvemento de solucións innovadoras para entorno de simulación U-Space, licitada polo Centro para el Desarrollo Tecnológico Industrial (CDTI).
Esta contratación responde ao interese da Xunta de Galicia de desenvolver unha infraestrutura de simulación avanzada no Centro de Investigación Aeroportada de Rozas (CIAR) que, sumada aos recursos xa existentes no centro e aos desenvolvementos tecnolóxicos levados a cabo no marco do Polo Aeroespacial de Galicia, contribúan a mellorar a xestión do tráfico aéreo. Esta solución permitirá avanzar a Rozas no obxectivo de converterse nun sandbox regulatorio, un entorno seguro para a realización de probas con vehículos non tripulados máis aló do permitido actualmente pola regulación, para dar resposta a retos como a mobilidade aérea urbana.
Ambas actuacións enmárcanse na nova etapa do Polo Aeroespacial de Galicia, para a que o Goberno galego xa ten comprometidos 70M€ co obxectivo de consolidar a pegada industrial ao redor do sector aeroespacial, a proxección internacional a través da comercialización de novos produtos e tecnoloxías innovadoras, e a xeración de emprego cualificado.
Información para optimizar a xestión do territorio e forestal
A empresa 3edata participou en varios dos contratos do Programa de Solucións do Polo Aeroespacial de Galicia, entre os que destaca o desenvolvemento dunha plataforma que permite a semi-automatización da cartografía da ocupación do solo de Galicia.
Ademais, tomou parte xunto á Universidade de Santiago de Compostela, o Centro Tecnológico Forestal y de la Madera e o Centro de Observación y Teledetección Espacial (Cotesa) no contrato Terra-4 no que se deseñou unha solución para a xestión e control forestal a partir de datos capturados polos sensores aerotransportados en vehículos non pilotados.
A peme tecnolóxica participou tamén na cuarta edición da aceleradora de innovación ViaGalicia, impulsada pola Xunta de Galicia e o Consorcio Zona Franca de Vigo, cun proxecto de servizos de análises de información territorial obtida mediante drons, para o que obtivo un apoio económico de 30.000 euros, e no programa Principia da Axencia Galega de Innovación, a través do que conseguiu apoio para a contratación de dous técnicos de I+D+i, un na convocatoria de 2017 e outro na de 2018, que seguen traballando na empresa.
Con sete empregados, desenvolve traballos principalmente para o mercado galego, pero tamén teñen clientes fóra (Madrid, Estremadura, Castela e León, Andalucía, Alemaña ou Países Baixos).