A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, visitou a Feira Internacional de Seguridade, Defensa e Emerxencias que se celebra en Silleda e que conta co apoio da Xunta de Galicia

No programa de actividades do evento déronse a coñecer tres solucións con tecnoloxías de vehículos non tripulados aplicadas a este eido desenvolvidas por Indra, Aeromedia e o ITG e polas startups da Business Factory Aero Vig-Sec Drone e Beagle

Silleda, 29 de novembro de 2023.- A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, visitou hoxe a segunda edición da Feira Internacional de Seguridade, Defensa e Emerxencias (Sedexpo) que se celebra no recinto da Feira Internacional de Galicia en Silleda onde destacou as capacidades das solucións baseadas en tecnoloxías de vehículos e sistemas non tripulados no eido das emerxencias.

Máis de 200 firmas de 24 países participan nesta edición de Sedexpo, que abriu onte as súas portas. O Polo Aeroespacial de Galicia conta cun espazo propio na área de exposicións na que hai unha importante presenza de empresas e centros de coñecemento do ecosistema como Airbus, Catec, Aeromedia – Umiles, Beagle e o Instituto Tecnológico de Galicia.

No programa de actividades presentáronse hoxe tres solucións con tecnoloxías de vehículos e sistemas non tripulados desenvolvidas no Polo Aeroespacial de Galicia aplicadas ao sector das emerxencias, en dúas mesas redondas moderadas por un representante da Axencia Galega de Innovación, que tiveron lugar na sala Civil UAVs Initiative.

O primeiro deles é unha solución innovadora para a localización de persoas extraviadas por medio de drons e intelixencia artificial, desenvolvida por Indra, Aeromedia e o Instituto Tecnológico de Galicia. O sistema, denominado DroneFinder, lanza un aviso directo aos sistemas de emerxencias, reducindo ao mínimo os tempos de resposta e optimizando os recursos empregados na busca, contribuíndo así, a salvar vidas.

A continuación, presentáronse dúas solucións con aplicacións na área das emerxencias que se están a desenvolver no marco da Business Factory Aero (BFAero), o programa de incubación, aceleración e consolidación de proxectos innovadores no eido dos vehículos non tripulados do Polo Aeroespacial de Galicia.

O proxecto ACRE (Área de Control Restrinxida de Emerxencias) da empresa Vig-Sec Drone, é un software de xestión do espazo aéreo de emerxencias, enfocado de forma específica nos incendios forestais, que permite o uso simultáneo de aeronaves tripuladas e non tripuladas. Valorado pola súa singularidade para o ecosistema aeronáutico galego, este proxecto foi seleccionado no itinerario de aceleración da 5ª edición da Business Factory Aero. Tamén participou en ViaGalicia e recibiu financiamento do programa de Recuperación Excelencia Neotec de Galicia.

Pola súa parte, Beagle Technology accedeu ao itinerario de consolidación da 5ª edición da Business Factory Aero cun proxecto que xa pasou polo itinerario de aceleración da 4ª convocatoria. É unha solución de hardware e software que permite ofrecer información situacional mellorada en operacións de emerxencias (imaxe aérea integrada en vista tridimensional, vehículos e recursos móbiles xeoposicionados, información completa e rápida e sinxeleza de uso) co obxectivo de facilitar a coordinación de medios e a toma de decisións.

Os vehículos e sistemas non tripulados están a ter unha importante presenza en Sedexpo 2023, tanto no programa de conferencias como na área de exhibicións, na que se realizará un exercicio-simulacro sobre as futuras capacidades da unidade operativa de drons da Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA) na busca de persoas desaparecidas, organizado pola Xunta de Galicia.

No novo período estratéxico iniciado en 2021 téñense mobilizado ata a data no Polo Aeroespacial de Galicia 106,12 M€ de investimento público e son xa máis de 100 os axentes do ecosistema do segmento dos vehículos non tripulados, entre eles, grandes empresas tractoras como Airbus, Avincis, Telespazio, GMV e Telefónica.

Ademais, un total de 31 proxectos empresariais incubáronse, aceleráronse ou consolidáronse nas cinco edicións da Business Factory Aero, desde 2018 ata a actualidade.

¡Participa!

Únete á comunidade Civil UAVS Initiative para compartires perspectivas sobre o sector.