• O maior encontro español de sistemas e vehículos non tripulados celebrarase os días 7, 8 e 9 de xullo na Cidade da Cultura de Galicia en Santiago de Compostela, coa colaboración da Xunta

  • O Polo Aeroespacial de Galicia terá unha importante presenza no evento, coa participación de empresas e centros de coñecemento na exposición, no programa de conferencias e nas exhibicións

  • A Escola Naval de Marín e o Centro de Investigación Aeroportada de Rozas (CIAR), en Castro de Rei (Lugo) acollerán un amplo programa de demostracións de sistemas non tripulados marítimos e aéreos

Santiago de Compostela, 5 de xullo de 2021. Unvex, o maior evento de vehículos non tripulados que se celebra en España, dará cita aos principais expertos nacionais e internacionais e empresas do sector os días 7, 8 e 9 de xullo na Cidade da Cultura de Galicia en Santiago de Compostela, na Escola Naval de Marín e no Centro de Investigación Aeroportada de Rozas (CIAR) en Castro de Rei (Lugo).

Unvex ten confirmadas preto de 70 empresas expositoras que amosarán as súas novidades tecnolóxicas nos máis de 2500 metros cadrados de exhibición, entre os que destacan compañías tractoras do sector aeroespacial así como pequenas e medianas empresas e operadoras.

No congreso, organizado coa colaboración da Xunta de Galicia, abordaranse a aplicación e casos de uso de drons nos servizos públicos, a utilidade de sistemas aéreos, terrestres e mariños remotamente tripulados en seguridade e emerxencias así como a relevancia da I+D+i e as oportunidades de emprego cualificado que xera este sector.

O programa de conferencias contará con 120 poñentes en 22 sesións, que traerán a Galicia a destacados actores do sector, entre os que se atopan representantes da Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA); da Axencia Europea de Seguridade Aérea (EASA); da Asociación Española de Empresas Tecnolóxicas de Defensa, Seguridade, Aeronáutica e Espazo (TEDAE); do órgano xestor da navegación aérea en España, Enaire; do Instituto Nacional de Técnica Aeroespacial (INTA); do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana; do Ministerio de Ciencia e Innovación; da Axencia Europea de Control de Pesca (EFCA); do Centro Tecnolóxico para o Desenvolvemento Industrial (CDTI); da Axencia Europea de Defensa ou da Frota de Vixilancia Terrestre da OTAN, entre outros.

Polo Aeroespacial de Galicia

A iniciativa pioneira da Xunta de Galicia para o impulso dunha industria dos vehículos non tripulados baseada na I+D+i, posta en marcha en 2015 e que ten garantida a súa continuidade coa Estratexia 2021-2025, terá unha destacada presenza en Unvex, coa participación de representantes de empresas e centros de coñecemento na área de exposición, no programa de conferencias e nas exhibicións.

Ademais, a Business Factory Aero, a incubadora e aceleradora de proxectos especializada en vehículos non tripulados da Civil UAVs Initiative, terá presenza en UNVEX com mostrador propio e 10 dos seus proxectos exporán as súas ideas e avances con pequenas ponencias na zona Ágora do evento durante toda a mañá do mércores 7 e o xoves 8 de xuño.

Servirá para amosar todo o potencial da industria aeroespacial galega no sector e para dar a coñecer as capacidades do Centro de Investigación Aeroportada de Rozas como centro de ensaios para a certificación de vehículos aéreos non tripulados.

O Goberno galego aposta por esta nova Estratexia do Polo Aeroespacial de Galicia de cara aos próximos cinco anos co que se espera a participación de máis de 200 pemes do sector; a atracción de, alomenos, catro a oito empresas tractoras; a implantación de 20 novas solucións tecnolóxicas que permitan mellorar a eficacia, eficiencia e seguridade dos servizos públicos; a firma de, como mínimo, cinco acordos de I+D de compra privada de innovación ao ano; e a incubación ou aceleración de 24 novas empresas.

Demostracións marítimas e aéreas

Unvex conta cun amplo programa de demostracións. O evento desplazarase na tarde do 8 de xullo á Escola Naval de Marín onde se realizarán catro exhibicións de sistemas de superficie e un sistema aéreo deseñado especificamente para operar desde embarcacións.

O 9 de xullo Unvex trasladarase ao Centro de Investigación Aeroportada de Rozas (CIAR), en Castro de Rei (Lugo), no que se poderán ver oito sistemas de ala fixa e ala rotatoria e un sistema contra UAS.

Unvex será tamén escenario dunha presentación de Ellas Vuelan Alto, a asociación de profesionais do sector aeroespacial que traballa para fomentar a igualdade neste eido con actuacións dirixidas a aumentar a participación da muller na vida pública e profesional, desenvolver proxectos que acheguen visibilidade á muller e recoñecemento ás súas competencias, incentivar a creación de redes de mulleres en empresas do sector ou fomentar as profesións do sector aeroespacial entre as novas xeracións de nenas e mozas.

Máis información en https://www.unvex.es/

¡Participa!

Únete á comunidade Civil UAVS Initiative para compartires perspectivas sobre o sector.