A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, inaugurou a terceira edición do New Space España en Vigo

Insiste en que o Perte debe deseñarse traballando cos sectores “para acertar nas convocatorias”

Apunta que o sector aeroespacial medrou de forma sólida en Galicia na última década impulsado pola capacidade das empresas galegas e porque “somos capaces de atraer e reter talento”

Destaca o apoio da Xunta a este sector para promover a entrada de empresas galegas na cadea de valor e a creación de mercados públicos e privados

Lembra que o Goberno galego está a traballar na convocatoria de apoios para proxectos de Compras Privada de Innovación

Vigo, 26 de setembro de 2024. A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, reclamou hoxe que o Perte aeroespacial se axuste ás necesidades das empresas para que os fondos cheguen ao tecido produtivo. “Necesitamos os fondos do Perte aeroespacial e precisamos que se deseñen traballando cos sectores para acertar nas convocatorias”, dixo.

Lorenzana inaugurou hoxe a terceira edición do New Space España onde sinalou que en Galicia o sector aeroespacial creceu na última década de forma sólida impulsado polas capacidades das empresas e centros tecnolóxicos galegos, “porque fomos capaces de atraer e reter talento e pola colaboración da Administración co sector”, subliñou.

Durante a intervención, a conselleira explicou que se trata dun sector cun alto compoñente de I+D+i e cunha gran capacidade de transferencia dos resultados a outros ámbitos e “isto foi unha das chaves para que foramos capaces de potenciar en Galicia esta industria”, dixo.

Neste sentido, destacou que “en máis de oito anos cos apoios que lanzamos desde o Goberno galego, fomos capaces de promover a entrada de empresas galegas na cadea de valor, unha das finalidades da compra pública e privada de innovación”. Así, ata 2028 a Xunta terá achegado 102M€ de recursos propios ao sector aeroespacial e terá mobilizado un investimento total de 375M€.

“Cremos que é un programa acertado que se está copiando agora noutras comunidades autónomas pero temos que seguir apostado polo crecemento sostido do sector, aproveitar as oportunidades e continuar con esa colaboración”, apuntou.

Nova convocatoria de axudas

A titular de Economía e Industria explicou que o Goberno galego non se conforma con ter sido a primeira comunidade en crear este tipo de instrumentos pioneiros de apoio a este sector estratéxico.

Así, a conselleira lembrou que no marco da estratexia industrial única e da política de aceleramento e amigable coa empresa focalizada en proxectos estratéxicos, a Xunta está a traballar en proxectos de Compra Privada de Innovación. “Apoiaremos a empresas galegas do sector das UAVs que presenten iniciativas para empresas privadas doutros sectores, recibirán axudas para executar eses proxectos co fin de abrir os mercados privados ás novas tecnoloxías”, destacou.

Finalmente Lorenzana subliñou que a xunta apoiará os investimentos industriais, a ampliación de capacidades de produción, o establecemento en Galicia de novas empresas e todo o necesario para o desenvolvemento desta industria que está en crecemento.

¡Participa!

Únete á comunidade Civil UAVS Initiative para compartires perspectivas sobre o sector.