A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, visitou hoxe as instalacións da compañía UARX Space en Nigrán
Nigrán (Pontevedra), 14 de marzo de 2025. A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, destacou hoxe as “inmensas posibilidades” do sector aeroespacial en Galicia e animou ás empresas a apostar máis que nunca por esta industria.
Lorenzana visitou esta mañá as instalacións da compañía UARX Space en Nigrán, unha das 10 empresas, segundo a NASA, máis innovadoras no mundo do desenvolvemento de tecnoloxía para naves espaciais pequenas.
Neste sentido, explicou que UARX Space “fai un traballo único” en loxística espacial, no desenvolvemento de dispositivos e servizos necesarios para o lanzamento e despregamento en órbita de satélites, e isto “tamén fai a Galicia única”, subliñou. “É un orgullo que a nosa Comunidade poida presumir de tanto talento nun sector tan prometedor”, engadiu.
Na visita tamén puxo en valor o traballo xa feito en Galicia co Polo Aerosespacial e animou a “apostar máis ca nunca” por este sector que no ano 2023 incrementou un 25% o seu nivel de facturación e un 5% o de empregos.