A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, visitou hoxe as instalacións da empresa Marine Instruments

A conselleira destaca que Marine Instruments aplica xa a tecnoloxía ao medio mariño a través de distintos produtos e servizos

Pon en valor que a tecnoloxía e a innovación é unha parte fundamental para que as empresas poidan seguir crecendo

Lembra que o Igape publicou esta mesma semana o primeiro paquete de axudas para fomentar a innovación do tecido produtivo galego con máis de 15 millóns de euros

Nigrán (Pontevedra), 15 de xaneiro de 2025. A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, animou hoxe ás empresas galegas a diversificar mercados e explorar as oportunidades de negocio que ofrece o sector da Seguridade e a Defensa.

Lorenzana, visitou as instalacións de Marine Instruments onde subliñou que “para a Xunta é un orgullo que unha empresa galega coma esta sexa punteira e estea absolutamente internacionalizada con establecementos en máis de 30 localizacións no mundo”. Durante a súa intervención, explicou que Marine Instruments aplica xa a tecnoloxía ao medio mariño a través de distintos produtos e servizos e puxo en valor que o seu éxito “está no talento que temos aquí pero tamén en como souberon facer esa diversificación e internacionalización do produto”.

Segundo expuxo, isto “é unha mostra de como a tecnoloxía e a innovación é parte fundamental para que as empresas poidan seguir crecendo e tamén para ver as posibilidades que ofrece a dualidade das tecnoloxías entre a parte civil e a parte de Seguridade e Defensa”, dixo.

Ademais, a titular de Economía e Industria, puxo en valor que precisamente niso é no que está traballando a Xunta no sector aeronáutico “tratando de que as empresas apliquen procedementos industriais duais” para mellorar a competitividade da industria, fomentar a súa internacionalización, e impulsar a innovación empresarial.

Neste marco, lembrou que o Goberno galego acaba de publicar “o primeiro paquete de axudas do Igape para a innovación das empresas” con máis de 15 millóns de euros, e sinalou que “continuamos a traballar na estratexia para que todas as empresas dentro do eido da aeronáutica poidan estender a súa liña de negocio á Seguridade e á Defensa”, subliñou.

¡Participa!

Únete á comunidade Civil UAVS Initiative para compartires perspectivas sobre o sector.