Pon en valor o traballo desenvolvido pola multinacional estadounidense como socio tecnolóxico da Xunta no Polo Aeroespacial de Galicia
Trasladar todo o apoio da Administración autonómica para seguir mantendo aberta esta liña de colaboración
Santiago de Compostela, 26 de xullo de 2024. A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, mantivo un encontro estes días con representantes de Boeing, a quen lle recoñeceu o traballo desenvolvido como socio tecnolóxico da Xunta no Polo Aeroespacial de Galicia.
Na reunión, Lorenzana puxo en valor que a multinacional estadounidense leva colaborando con esta iniciativa desde os seus inicios, exercendo como empresa tractora de toda a cadea de valor do sector en Galicia a través dos proxectos que desenvolve nas instalacións do aeródromo de Rozas (Castro de Rei, Lugo), xunto con pemes e centros tecnolóxicos galegos.
En concreto, destacou a súa especialización na xestión do tráfico de vehículos aéreos non tripulados e as posibles continxencias que poidan xurdir en voo, a través de proxectos como o Skyway. De feito, o seu traballo foi fundamental para que hoxe, o Centro de Investigación Aerportada de Rozas (CIAR), dispoña dun simulador de continxencias e do equipamento máis avanzado en Europa para realizar ensaios.
A conselleira agradeceu a aposta que leva facendo Boeing polo sector aeroespacial de Galicia e considerou que a súa implicación contribúe a fixar coñecemento tecnolóxico e a consolidar industria. Nese sentido, na reunión quixo trasladar todo o apoio da Xunta para seguir mantendo aberta esta liña de colaboración.