Por que un Polo Aeroespacial en Galicia?
A Xunta de Galicia apostou por crear un polo aeroespacial capaz de competir con outros territorios a escala internacional, impulsando a innovación, o desenvolvemento industrial e tecnolóxico, o investimento, o emprego e a atracción e retención de talento na rexión.
No impulso dun polo aeroespacial en Galicia conflúen unha serie de factores que foron determinantes.
O marco estratéxico. Unha política industrial e de innovación que permite diversificar a nosa economía en liña co establecido na RIS3 de Galicia 2014-2020 e impulsar un sector de alta tecnoloxía.
Un mercado mundial cun gran potencial de crecemento. Actualmente, a Unión Europea supón máis do 30 por cento do total mundial de deseñadores e fabricantes de drons e espérase que o impacto económico deste sector alcance os 15.000 millóns de euros anuais en 2050. En concreto, serán os drons civís, empregados por gobernos ou para fins comerciais, os que xerarán a maior parte deste valor.
En Galicia non se partía de cero. Na comunidade xa existía unha actividade industrial vinculada ao sector aeronáutico cun gran potencial de innovación, desenvolvemento tecnolóxico e crecemento e con capacidades e coñecemento no ámbito dos sistemas non tripulados.
Galicia conta cunha infraestrutura única, que é o aeródromo de Rozas, situado na provincia de Lugo, cunhas condicións moi favorables para a realización de probas con UAV , pola súa baixa densidade de poboación, condicións climáticas idóneas e espazo aéreo segregado.
Todo isto contribuíu a que, a día de hoxe, en Galicia exista un sector aeronáutico e aeroespacial consolidado que, en 2019, facturou 132 millóns de euros, un 2 % máis que en 2018; cun total de 1.250 traballadores. Ademais, as exportacións aeronáuticas de Galicia incrementáronse en máis dun 70 % respecto ao ano anterior; reducíndose as importacións nun 82,35 %.
Máis de 30 empresas galegas traballan directamente para grandes fabricantes ou provedores de primeiro nivel internacional no ámbito aeronáutico e aeroespacial, no que Galicia ten contratos garantidos para os próximos anos, acumulando un investimento de máis de 112 millóns de euros no últimos catro anos, de acordo co último informe anual do Consorcio Aeronáutico Galego (CAG).
O impulso do Polo Aeroespacial de Galicia
A Xunta de Galicia realizou as seguintes accións para impulsar o Polo Aeroespacial de Galicia:
Atraer e facilitar o investimento industrial e de I+D das empresas do sector aeroespacial.
Construír e desenvolver infraestruturas clave.
Promover a colaboración entre entidades públicas e privadas para o desenvolvemento e adquisición de solucións innovadoras con UAV e a súa aplicación na mellora dos servizos públicos.
Por que un Polo Aeroespacial en Galicia?
O Polo Aeroespacial de Galicia impulsouse utilizando como instrumento de apoio a Compra Pública de Innovación (CPI), ámbito no que Galicia é líder en España, e unha ferramenta clave para atraer investimentos e desenvolver a industria, que lle permitiu ao Goberno galego promover a innovación dende a demanda.
A Compra Pública de Innovación permite optimizar os servizos públicos e posicionar Galicia en escenarios tecnolóxicos nacionais e internacionais e, ao mesmo tempo , é unha ferramenta que fai posible liderar a transición cara a un modelo produtivo baseado na competitividade e o crecemento a través da innovación.
Nesta aposta pola innovación, a Xunta de Galicia adxudicou, no marco do Polo Aeroespacial de Galicia, tres contratos precomerciais de investigación e desenvolvemento e dez contratos de compra pública de tecnoloxía innovadora.
Os retos da xestión pública aos que responde a Civil UAVs Initiative Descargar
O sector de UAVs: estratexia, cifras e perspectivas de futuro Descargar Infografía