Unha delegación galega participou en Xponential 2024, o principal evento do segmento das tecnoloxías de vehículos e sistemas non tripulados en San Diego, onde se compartiron as solucións máis innovadoras en robótica intelixente e drons
Están presentes tamén no evento empresas e centros tecnolóxicos do ecosistema aeroespacial galego como Telespazio Ibérica, Centum Research & Technology, Sense Aeronautics e ITG Drone Solutions
San Diego (Estados Unidos), 26 de abril de 2024. O Polo Aeroespacial de Galicia participou esta semana en Xponential 2024, un dos eventos internacionais de referencia na industria dos vehículos e sistemas aéreos non tripulados que se celebrou no San Diego Convention Center, en San Diego, California, onde presentou os avances en I+D+i aplicada ás tecnoloxías dron desenvolvidos no marco da iniciativa.
Galicia contou con espazo propio no pavillón de España, que compartiu co Consorcio Aeronáutico Galego, así como con empresas e centros de coñecemento do ecosistema como Avincis, Telespazio Ibérica, Centum Research & Technology, Sense Aeronautics (spin off de Gradiant), Lagos Experience & Solutions e ITG Drone Solutions, do Instituto Tecnolóxico de Galicia.
A presenza do Polo Aeroespacial de Galicia neste evento responde á estratexia de internacionalización da iniciativa, que ten por obxecto fomentar a participación das empresas galegas nas principais feiras do sector para explorar oportunidades de negocio en países con interese na compra de produtos, tecnoloxías e solucións desenvolvidas na Civil UAVs Initiative ou por outras empresas do eido aeronáutico e aeroespacial en Galicia; e fomentar así a internacionalización do sector, fundamentalmente das pemes, e a venda das tecnoloxías desenvolvidas.
Días de intensa actividade
Durante a celebración de Xponential o stand do ecosistema aeroespacial galego atendeu unha intensa axenda, na que recibiu en conxunto máis de 250 visitas e preto de 50 demostracións de interese.
Pola súa parte, a delegación da Administración galega visitou os espazos da feira dos Estados de Ohio, que ten unha iniciativa para un sandbox; Oklahoma, Nova York, que conta cunha zona de 50 millas para voos de proba; Virginia, Maryland, Michigan, Carolina do Norte, Oregón, Quebec e Alemania Trade & Invest. Tamén visitaron os espazos da NASA, da Federal Aviation Administration (FAA) e do National Center for Atmospheric Research, dos Estados Unidos.
Ademais de visitar stands de empresas e países de todo o mundo e de coñecer as últimas solucións tecnolóxicas no segmento dos drons, como pilas de combustible, fundamentalmente de hidróxeno, para propulsión; a delegación galega realizou unha visita ás instalacións de Boeing, socio estratéxico da Xunta no Polo Aeroespacial de Galicia, en Seattle.