- A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, participou esta mañá nunha xornada organizada pola Plataforma Tecnológica Aeroespacial Española
- O Goberno galego apoiará con este plan diferentes liñas tecnolóxicas para responder ás necesidades do sector público e privado, como as plataformas non tripuladas de uso civil, as contornas de simulación ou os ensaios avanzados para o tráfico aéreo
Santiago de Compostela, 17 de xuño de 2021.- A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, participou esta mañá nunha mesa redonda sobre novas oportunidades para o desenvolvemento tecnolóxico dos vehículos non tripulados, no marco da xornada UAS en España: Prioridades tecnolóxicas e oportunidades para o seu desenvolvemento, organizada pola Plataforma Tecnológica Aeroespacial Española.
Argerey avanzou as principais liñas do novo Plan Estratéxico do Polo Aeroespacial de Galicia para o período 2021-2025 facendo especial fincapé nas liñas tecnolóxicas nas que se financiarán investimentos para responder ás necesidades do sector público e privado. Entre os novos retos atópanse a atención á dependencia, a xestión de emerxencias, a modernización da agricultura, a seguridade turística, a xestión sostible dos recursos forestais, da biodiversidade ou da auga, a mobilidade ou as enerxías renovables, en paralelo ademais cos retos verdes identificados como prioritarios nas políticas europeas. Todo elo no marco do grande obxectivo estratéxico para este novo período, que pasa por afianzar a Galicia como un referente industrial no sector dos vehículos non tripulados.
Neste sentido, destacou varias actuacións que permitirán intensificar o alcance das solucións tecnolóxicas próximas ao mercado como o despregamento das solucións xa creadas, o investimento noutras que estean xa moi traballadas e o desenvolvemento de solucións novas que dean resposta aos retos máis recentes e futuros mediante novos contratos de Compra Pública de Tecnoloxía Innovadora (CPTI).
Entre as liñas tecnolóxicas que apoiará a Xunta atópanse as plataformas non tripuladas de uso civil, as contornas de simulación e ensaios avanzados para o tráfico aéreo, os equipos embarcados, os materiais avanzados para vehículos non tripulados ou as fontes de enerxía embarcadas.
O obxectivo do Goberno galego de cara aos próximos cinco anos é acadar a participación de máis de 200 pemes do sector; a atracción de, alomenos, catro a oito empresas tractoras; a implantación de 20 novas solucións tecnolóxicas que permitan mellorar a eficacia, eficiencia e seguridade dos servizos públicos; a firma de, como mínimo, cinco acordos de I+D de compra privada de innovación ao ano; e a incubación ou aceleración de 24 novas empresas.
A directora de Gain aproveitou o acto para recordar que o Polo Aeroespacial de Galicia, desde a súa posta en marcha no ano 2015, ten permitido mobilizar 164 millóns de euros –dez veces máis do investimento previsto– e sumar a participación de 937 profesionais e medio cento de pemes e centros de coñecemento galegos, ademais da implicación de tres compañías referentes no sector como son Indra, Babcock e Boeing.