O vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, estivo esta mañá en Vigo nas instalacións desta compañía que participou no sistema de xeolocalización Lifeseeker, primeiro produto aeronáutico desenvolvido en Galicia cun certificado da Axencia Europea de Seguridade Aérea
O Polo Aeroespacial de Galicia ten comprometidos 70M€ para esta nova etapa e podería chegar aos 540M€ se o Goberno apoia a candidatura galega aos fondos Next Generation
Galicia acolle, a partir de mañá, a sexta edición de Unvex, o maior encontro en España do sector dos vehículos aéreos non tripulados
Vigo, 6 de xullo de 2021.- O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, visitou esta mañá en Vigo as instalacións da empresa Centum, unha das participantes nos proxectos do Polo Aeroespacial de Galicia. Conde subliñou que a Comunidade está preparada para afrontar novos retos na industria aeroespacial grazas á Estratexia 2025, pero tamén ao talento de compañías como Centum.
“É un caso de éxito do programa aeronáutico que estamos realizando en Galicia e amosa como unha peme é quen de poder desenvolver a súa actividade nun sector tan competitivo, tecnolóxico e innovador como este”, apuntou o vicepresidente económico.
Así, a empresa participou no sistema de xeolocalización Lifeseeker, o primeiro produto aeronáutico desenvolvido en Galicia que obtivo un certificado da Axencia Europea de Seguridade Aérea (EASA) para a súa implantación por parte de Airbus Helicopters. Ademais, en 2021 conseguiu contratos coa Axencia de Seguridade Marítima Europea e coas Forzas Aéreas canadienses. O pasado ano a compañía contou con ingresos superiores a 2019 (1,9M€), retivo talento e ampliou persoal ata contar con 28 traballadores e puido reactivar proxectos e abrirse ao mercado italiano.
Conde destacou que Centum está chamada a converterse nun referente na venda de produtos para o ámbito das emerxencias, a seguridade e a defensa e amosou a súa disposición a seguir contando coa súa colaboración no Polo Aeroespacial de Galicia. Unha iniciativa que conta cunha folla de ruta ata 2025 na que se pretende consolidar o tecido industrial ao redor desta industria e facilitar a comercialización e internacionalización de novos produtos e tecnoloxías. Para conseguilo xa están comprometidos 70M€, unha cifra de mobilización que pode chegar aos 540M€ se o Goberno apoia o Polo como proxecto tractor a través dos fondos europeos Next Generation.
O vicepresidente económico lembrou, ademais, que a partir de mañá Galicia acolle a sexta edición de Unvex, o maior encontro en España sobre o sector dos vehículos aéreos non tripulados que por primeira vez se celebra na nosa Comunidade.