• No Polo Aeroespacial de Galicia, Imatia traballa no proxecto MAR-1, para mellorar a seguridade da frota Pesqueira mediante un sistema de seguimento e monitoraxe continua que integra unha plataforma de software
  • Segundo o conselleiro, o traballo desta compañía reflicte como os mercados están exixindo respostas innovadoras; de aí a importancia de dotar o tecido empresarial das ferramentas necesarias parta avanzar na súa transformación dixital
  • Imatia é unha das empresas que forma parte do Cluster TIC coa que a Xunta está impulsando este sector na cidade da Coruña en colaboración coa Universidade

 

A Coruña, 18 de febreiro de 2020.- O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, destacou hoxe que a colaboración de Imatia no Polo Aeroespacial dá visibilidade ao valor engadido co que conta Galicia a través da innovación e o talento. Así o manifestou durante unha visita ás instalacións desta compañía dedicada desde hai 15 anos ao desenvolvemento de produtos e servizos de software.

No Polo Aeroespacial de Galicia, Imatia traballa no proxecto MAR-1, para mellorar a seguridade da frota pesqueira mediante un sistema de seguimento e monitorización continua que integra unha plataforma de software. Liderado por Imatia, dixo, nel están participando diferentes empresas con 29 empregos vinculados e en colaboración coa Consellería do Mar. Este proxecto está a ser un exemplo de colaboración público-privada que, segundo sinalou, está permitindo a Galicia ser un referente nacional e internacional no sector dos avións non tripulados.

O traballo desta compañía, apuntou Conde, reflicte como os mercados están exixindo respostas innovadoras; de aí a importancia de dotar o tecido empresarial das ferramentas necesarias para avanzar na súa transformación dixital. Ao respecto, subliñou que o Polo Aeroespacial é unha iniciativa pioneira que converte Galicia nunha referencia internacional dentro do sector e permite desenvolver proxectos onde a I+D+i é o elemento diferencial.

O conselleiro destacou, ademais, que Imatia é unha das empresas que forma parte do Clúster TIC coa que a Xunta está impulsando o Polo TIC na cidade da Coruña. Un proxecto que o Goberno galego desenvolve xunto coa Universidade da Coruña e o propio clúster para que a cidade sexa o centro e o referente no desenvolvemento de proxectos vinculados ao sector TIC.

Descargar artigo

¡Participa!

Únete á comunidade Civil UAVS Initiative para compartires perspectivas sobre o sector.