A directora xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial, Margarita Ardao, participou hoxe na apertura da xornada Spotlight no marco de UNVEX
Ardao destacou que UNVEX contribúe a visibilizar as capacidades, o talento e as tecnoloxías desenvolvidas polas empresas e centros de coñecemento galegos
Este evento de referencia no segmento dos sistemas non tripulados que se celebra na Fira de Barcelona conta, un ano máis, cunha destacada presenza galega
Barcelona, 5 de xuño de 2024.- A directora xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial, Margarita Ardao, participou hoxe na segunda xornada de UNVEX, un evento de referencia dos sistemas non tripulados que se celebra na Fira de Barcelona estes días. No marco do Spotlight, Ardao destacou o impulso que o Goberno galego quere dar ao sector aeroespacial baixo o paraugas dunha nova política industrial, baseada na innovación e no reforzo dos apoios necesarios para convertelo nunha panca de xeración de emprego e riqueza na Comunidade.
A directora xeral referiuse á ampla participación de empresas e centros de coñecemento do Polo Aeroespacial de Galicia en UNVEX 2024 e sinalou que a presenza en eventos de referencia como este contribúen á diversificación de mercados e produtos da industria aeroespacial galega, e a dar visibilidade ás posibilidades que Galicia ofrece ao sector.
Neste marco, Margarita Ardao puxo en valor o recente cambio na estrutura de goberno que reúne por primeira vez na Consellería de Economía e Industria todas as competencias sobre solo industrial e as necesarias para impulsar plans directores dos distintos sectores e a competitividade do tecido produtivo. “Isto – subliñou – está a permitirnos ofrecer unha xanela única para que toda aquela empresa que queira desenvolver en Galicia un proxecto industrial, sexa do sector que sexa, e isto inclúe o aeroespacial, o faga cos máximos apoios, garantías e do xeito máis sinxelo”.
A directora xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial lembrou que o Executivo autonómico vén prestando apoio a este sector desde hai anos cunha política integral focalizada en apoiar ás empresas galegas a entrar nas cadeas de valor das grandes firmas do sector aeroespacial en España; en crear infraestruturas científicas e tecnolóxicas de primeiro nivel; en dotalo de solo industrial especializado; e en apoiar a competitividade nacional e internacional das súas empresas.
Ardao tamén subliñou o crecemento en termos de emprego do sector aeroespacial desde o ano 2015, que alcanzou un 59%, moi por enriba do 16% que creceron outros sectores económicos da rexión. “Hoxe hai máis de 4.000 persoas traballando en 177 empresas do sector en Galicia – dixo – a maioría PEMES de alta tecnoloxía de alto crecemento”. “Fomos pioneiros no apoio ao segmento de vehículos non tripulados e seremos pioneiros no paso adiante que supón volver a poñer o foco na política industrial”, rematou.
Participación en UNVEX
Coa súa presenza e apoio a esta novena edición de UNVEX, o Polo Aeroespacial de Galicia está dando a coñecer o traballo realizado na Comunidade para converter a industria aeroespacial nun dos sectores estratéxicos de Galicia, amosando o valor das infraestruturas do Polo como centro de ensaios de referencia en Europa e as capacidades e o elevado potencial que teñen as empresas, pemes, centros tecnolóxicos e universidades galegas.
Xunto co Polo tamén están presentes en UNVEX o Consorcio Aeroespacial Gallego e representantes da industria como os socios estratéxicos da Xunta na Civil UAVs Initiative Aertec, Airbus, Avincis, Tecnobit (Grupo Oesía), Telespazio e empresas, centros tecnolóxicos e Universidades como Acre, Aeromedia, Aguia, CATEC, Centum Research & Technology, Cuatro Digital, GMV, Gradiant, Instituto Tecnolóxico de Galicia, Proteus, The Drone MBA e a Universidade da Coruña.
A Civil UAVs Initiative ten dúas mesas propias en UNVEX, enmarcadas no Teatro de Solucións e Experiencias. Na celebrada onte participaron a secretaria técnica do Consorcio Aeroespacial Gallego, Jennifer González; o profesor da Universidade da Coruña, Santiago Hernández; o director de ventas para os mercados de Europa Oriental e Occidental de Centum Research & Technology, Daniel Gallego; o director executivo de The Drone MBA, Jaime Barrero; e un representante da empresa participante na Business Factory Aero Vig-Sec Drone.
Na mesa de hoxe interviñeron o director do Polo Aeroespacial de Galicia, Emilio Astray; o director de Produto de Teledetección en Telespazio, Jesús Pavón; o director executivo de Aguia, Javier Losada; o director de Desenvolvemento e Estratexia UAS de Avincis, David Pérez; o enxeñeiro de Aviónica e Sistemas de CATEC, Francisco Javier Garrido; e o director de Emerxencias e Seguridade de Aeromedia UAV, César Ortega.