O vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, presentou hoxe en Santiago esta actuación coa que, a través dun investimento de 40 millóns de euros, se pretenden desenvolver preto de 80 proxectos de I+D
O Goberno galego xa ten comprometidos 70M€ para a nova Estratexia do Polo Aeroespacial 2021-2025 para conseguir, entre outros obxectivos, a creación de 24 novas empresas e comercialización de novos produtos e tecnoloxías innovadoras a nivel internacional
Santiago de Compostela, 27 de xullo de 2021.- O vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, participou esta mañá na sede da Axencia Galega de Innovación (Gain) na presentación do proceso de licitación para a selección de socios estratéxicos e tecnolóxicos do Polo Aeroespacial de Galicia 2021-2025, a primeira das 30 actuacións contempladas na nova Estratexia.
Esta convocatoria, aprobada polo Consello da Xunta de Galicia a pasada semana, conta cun orzamento de 40M€ co obxectivo de firmar entre catro e oito acordos de asociación e desenvolver ao redor de 80 proxectos de I+D. Entre as novidades deste proceso con respecto ao período anterior, tal e como explicou Conde, radica en que a fórmula que se empregará será a licitación de compra pública precomercial co obxectivo de desenvolver tecnoloxías ao redor dos sistemas non tripulados.
Neste sentido, os pregos da licitación contemplan unha etapa de peche financeiro ao longo do ano 2022, na que tanto Xunta como licitadores poderán comprometer maiores fondos para a execución dos programas conxuntos de I+D, mantendo as portas abertas á canalización de maior financiamento unha vez se resolvan as incertezas sobre o papel das comunidades autónomas nos fondos europeos Next Generation.
Esta nova licitación reafirma o éxito do modelo de colaboración entre o sector público e o privado a través da implicación de administracións e empresas –incorporando tamén ás pemes–, centros de coñecemento e as tres universidades galegas. “É unha fórmula pola que temos como ambición mobilizar máis de 500M€ e, por tanto, consolidar así o Polo Aeroespacial de Galicia”, destacou o vicepresidente económico, pois o orzamento final queda condicionado á captación de investimento a través dos fondos europeos.
Así, os grandes desafíos que se intentarán abordar a través deste modelo de colaboración público-privada serán o ecolóxico –a través do control e a xestión da biodiversidade, tanto da fauna como da auga–, a transformación dixital –con especial atención á dependencia ou a sectores clave da economía galega como o agrario ou o turístico–, así como o reto demográfico, patrimonial e turístico, incidindo na sanidade rural ou a xestión eficiente do territorio e o patrimonio.
“Somos conscientes dos retos que hai por diante e por iso pensamos que o Polo ten que conservar esa vocación de innovación e colaboración aberta”, salientou Conde, ao mesmo tempo que indicou que as principais empresas do sector xa teñen mostrado o seu interese por formar parte do Polo Aeroespacial de Galicia 2021-2025.
Principais obxectivos
O Polo Aeroespacial de Galicia comeza agora unha nova etapa na que o Goberno galego xa ten comprometidos 70M€. Así, os principais obxectivos actuais pasan pola consolidación da pegada industrial ao redor do sector aeroespacial, coa creación de 24 novas empresas; a proxección internacional a través da comercialización de novos produtos e tecnoloxías innovadoras –para o que se contará coa colaboración do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape)–; e a xeración de emprego cualificado.
Nos seus primeiros cinco anos de vida, o Polo Aeroespacial favoreceu xa a mobilización de 164M€, situando a Galicia como a rexión de referencia neste novo sector de alta tecnoloxía, da man de empresas tractoras como Indra, Babcock e Boeing e a implicación de máis de 900 profesionais.
Ademais, desenvolvéronse un total de 655 solucións tecnolóxicas e produtos dos que ao redor de 60 xa están no mercado, como un sistema de detección e seguimento de pragas forestais; outro de xestión do territorio; un sistema automático de mostraxe de augas en encoros; outro de xestión de incendios; e mesmo un para a atención de peregrinos no Camiño de Santiago en parada cardio-respiratoria. “Estes proxectos son un exemplo da carteira de tecnoloxías relacionadas cos drons en Galicia, situándoa como un referente no sector aeronáutico”, sinalou Conde.