A Axencia Galega de Innovación vén de captar estas novas iniciativas europeas dentro do programa de cooperación transfronteiriza Interreg España-Portugal 21-27, dotados cun orzamento de 5,5 millóns de euros

Santiago de Compostela, 1 de novembro de 2023.

A Axencia Galega de Innovación (Gain) da Xunta de Galicia captou catro novos proxectos europeos dentro do programa de cooperación transfronteiriza Interreg España-Portugal (POCTEP) 2021-2027, que persegue promover o desenvolvemento e a cooperación transfronteiriza con fondos Feder ao longo da fronteira España-Portugal. Dotados cun orzamento de 5,5 millóns de euros, os proxectos están centrados na adaptación da industria auxiliar do naval á dixitalización dos estaleiros; a creación dunha rede aberta de laboratorios industriais para a transformación dixital e sustentable das empresa da Eurorrexión; contribuír á creación dun centro de Excelencia en Economía Circular; e xerar un ecosistema transfronteirizo de investigación no sector aeroespacial. Gain achega o 25% do orzamento correspondente á súa participación.

Twin NavAux

Liderado por Gain a través do CIS Tecnoloxía e Deseño, o proxecto abordará a adaptación das empresas auxiliares do naval aos novos requirimentos que implicará a implantación universal por parte dos estaleiros do Xemelgo Dixital nos procesos de deseño, construción, operación e mantemento. Participan tamén no proxecto Aclunaga (Asociación Clúster do Naval Galego); a Universidade da Coruña, Catim (Centro de Apoio Tecnológico à Indústria Metalomecânica), a Universidade Portucalense e as empresas Ibercisa Deck Machinery, Industrias Ferri e Electrorayma. O orzamento total do proxecto é de 1.386.666 euros para o período de xuño de 2023 a decembro de 2025.

OpenLabs

O obxectivo principal deste proxecto é apoiar a innovación nas empresas industriais da Eurorrexión Galicia–Norte de Portugal para impulsar novas formas de produción e prestación de servizos que permitan avanzar cara a dixitalización e o desenvolvemento sustentable. Porase a disposición do tecido empresarial da Eurorrexión unha rede de laboratorios de procesos avanzados e un programa de apoio á innovación a través do que as empresas mellorarán as súas capacidades e testarán casos de uso para a implementación de solucións innovadoras en contornas preindustriais. O CTAG coordina un partenariado no que participan a Axencia Galega de Innovación a través do CIS Tecnoloxía e Deseño, a Associaçao CCG/ZGDV Centro de Computação Gráfica, a Universidade de Porto e a Universidade de Vigo.

No marco deste proxecto lanzaranse dúas chamadas a través das que se seleccionarán 30 empresas que participarán nun novidoso programa de capacitación e innovación consistente nun conxunto de servizos de orientación, capacitación e testeo en contorna preindustrial baseado en metodoloxías innovadoras como LEAN ou design thinking entre outras. O orzamento total do proxecto é de 960.950,55 euros. A duración vai de setembro de 2023 a agosto de 2026.

GreenHub

Trátase dun proxecto que dá continuidade ao Valornature, a realizar entre xaneiro de 2023 e decembro de 2026, que contribuirá á creación dun Centro de Excelencia en Economía Circular que promova novas dinámicas de I+D+i para garantir a valorización dos recursos e residuos dispoñibles na rexión con potencial de aplicación en sectores diversos como a automoción, o aeronáutico, o naval, o téxtil, a alimentación, o mobiliario, a construción e a arquitectura. Son socios do proxecto PIEP Associaçao – Pólo de Inovaçao em Engenharia de Polímeros, Gain a través do CIS Tecnoloxía e Deseño, XERA (Axencia Galega da Industria Forestal) a través do CIS Madeira e o CTAG. O orzamento total do proxecto é de 1.120.319,15 euros.

Aeroganp

O obxectivo do proxecto Aeroganp é xerar un ecosistema de transferencia e cooperación investigadora transfronteirizas no sector aeroespacial para a Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal mediante a creación dunha rede de colaboración que fomente as capacidades de I+D+i no sector e a interrelación entre todos os seus axentes públicos e privados. No marco do proxecto identificarase e divulgaranse as capacidades do sector na Eurorrexión, implementarase un gran proxecto demostrador conxunto, aplicaranse as tecnoloxías deseñadas a través de proxectos pilotos mediante ensaios con empresas de base tecnolóxica e crearase unha rede transfronteiriza de fomento da I+D+i sectorial. Son socios do proxecto as Universidades de Vigo, A Coruña e Minho, o Instituto Tecnológico de Galicia, Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia-Norte de Portugal, Centre of Engineering and Product Development, o centro tecnolóxico Gradiant, o Consorcio Aeronáutico Galego, Instituto de Engenharia de Sistemas e Computadores, Tecnologia e Ciência (INESCTEC) e Faculdade de Engenharia da Universidade do Porto e Gain. O orzamento total é de 1.999.681,87 euros.

¡Participa!

Únete á comunidade Civil UAVS Initiative para compartires perspectivas sobre o sector.