A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, asistiu ao encontro para avanzar neste programa que pretende mellorar a competitividade industrial mediante a intelixencia artificial

Dentro deste proxecto conxunto, a Xunta lanzará unha convocatoria do Polo Aeroespacial de Galicia para fomentar o desenvolvemento de novas solucións con vehículos non tripulados e intelixencia artificial por parte de centros de coñecemento e pemes galegas

Zamudio (Biscaia), 20 de setembro de 2023.A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, participou na reunión de lanzamento do proxecto conxunto que Galicia, Madrid e País Vasco desenvolven no marco do programa de Redes Territoriais de Especialización Intelixente (Retech) que ten por obxecto a optimización das cadeas de valor en sectores estratéxicos para a economía co obxectivo de mellorar a produtividade e a calidade de vida a través da aplicación da intelixencia artificial. O encontro de traballo tivo lugar no Parque Tecnolóxico de Zamudio.

O proxecto, coordinado polo País Vasco, ten un orzamento de 55,66 M€, achegando o Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital 41,75 M€ do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia e sendo 13,91 M€ a achega autonómica (de fondos públicos ou privados) e estenderase ata o primeiro trimestre de 2026.
A participación de Galicia, que se enmarca dentro da Civil UAVs Initiative, ascende a 18,55 M€: 13,92 M€ de fondos europeos e 4,64 M€ de cofinanciamento autonómico.

Co obxectivo de fomentar o desenvolvemento do mercado dos vehículos e sistemas non tripulados e da intelixencia artificial, así como impulsar o ecosistema aeroespacial galego, a Xunta desenvolverá no marco do Retech un programa de apoio á Compra Privada de Innovación, do que realizará unha convocatoria nas próximas semanas.

Con este novo programa de apoio, a Xunta pretende fomentar o desenvolvemento de novas solucións por parte de pemes e centros de coñecemento galegos, capaces de dar resposta a retos identificados por empresas tractoras que desexen mellorar a súa competitividade a través da incorporación aos seus procesos de tecnoloxías de sistemas non tripulados e intelixencia artificial e que estean dispostas a investir no proxecto.

A iniciativa Retech en Galicia

Ademais deste proxecto, outras dúas iniciativas promovidas pola Xunta de Galicia -unha relacionada coa intelixencia artificial e outra coa ciberseguridade- forman parte dos once proxectos de transformación dixital seleccionados polo Goberno do Estado na primeira fase do Retech.

Trátase dunha reprodución virtual de Galicia en forma de xemelgo dixital, que permitirá planificar e xestionar o territorio de forma intelixente; e dunha proposta para un espazo de datos de ciberseguridade do Centro de Competencias en ciencias da saúde, smart transportation, industria conectada e excelencia operativa.

Retech está impulsada polo Ministerio de Asuntos Económicos y Transformación Digital, no marco do Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia. Este programa de actuación conxunta promove a articulación de proxectos rexionais orientados á transformación e especialización dixital, e está aliñado con dous dos principais obxectivos da Axenda España Dixital: liderar o cambio disruptivo de maneira inclusiva e sostible, e focalizar os esforzos de dixitalización en sectores económicos clave.

¡Participa!

Únete á comunidade Civil UAVS Initiative para compartires perspectivas sobre o sector.