Feijóo destaca que dá continuidade ao investimento doutros case 3 M€ para seguir avanzando noutras solucións tecnolóxicas pensadas para mellorar a prestación de servizos públicos e que se desenvolveron no primeiro período do Polo Aeroespacial
Vigo, 21 de abril de 2022. O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe, en rolda de prensa, que a Xunta investirá, ao abeiro do Polo Aeroespacial galego, preto de 6,5 M€ no desenvolvemento e adquisición de solucións innovadoras aplicadas ás emerxencias sanitarias e sociais, á xestión forestal ou de recursos mariños.
Trátase, dixo, de impulsar o desenvolvemento en Galicia e a compra por parte da administración de tecnoloxías con vehículos non tripulados para: prestar atención sanitaria urxente no Camiño de Santiago, a monitoraxe de zonas forestais para a prevención ou extinción de lumes, a inspección e vixilancia pesqueira e marisqueira, a análise de poboacións de sementes de mexillón e especies cohabitantes ou a localización de persoas extraviadas.
A maiores, destacou o investimento doutros case 3 M€ -adicionais aos 6,5 millóns da nova licitación- para continuar avanzando noutras solucións tecnolóxicas pensadas para mellorar a prestación de servizos públicos e que se desenvolveron no primeiro período do Polo Aeroespacial. Neste caso, entre estas solucións con vehículos non tripulados están as mostraxes de augas, inventarios forestais ou solucións no eido cartográfico.
Finalmente, Feijóo recordou o balance positivo do Polo Aeroespacial de Galicia no período 2015-2020, que logrou unha mobilización de 164 M€ de investimento público-privado, dixo, creáronse 24 novas empresas e logrouse poñer no mercado 60 solucións tecnolóxicas.