• Conde explica que se trata dunha das 30 actuacións que recolle a Estratexia do Polo Aeroespacial de Galicia 2021-2025, xunto coa licitación para a selección de socios estratéxicos e tecnolóxicos que foi presentada esta mesma semana

  • Subliña que o marco deste traballo conxunto será o Polo Aeroespacial de Galicia co obxectivo de que a licitación teña impacto sobre as empresas tractoras e, nomeadamente, sobre as pemes

Vigo, 28 de xullo de 2021. O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, avanzou hoxe que a Xunta, a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), e o Consorcio Aeronáutico Galego van desenvolver un acordo de colaboración para identificar novas oportunidades de investimento e completar as cadeas de valor deste sector en Galicia.

Na súa intervención no marco da asemblea xeral do Consorcio Aeronáutico Galego, Conde explicou que se trata dunha das 30 actuacións que recolle a Estratexia do Polo Aeroespacial de Galicia 2021-2025, xunto coa licitación para a selección de socios estratéxicos e tecnolóxicos que foi presentada esta mesma semana ante representantes do sector e na que vai ser clave a fórmula da compra pública precomercial.

O vicepresidente económico apuntou que o marco deste traballo conxunto que van desenvolver a Xunta e o Consorcio Aeronáutico Galego será o Polo Aeroespacial de Galicia, co obxectivo, dixo, de que as 50 pemes que xa participaron con contratos no período anterior poidan continuar, e que a licitación teña impacto sobre as empresas tractoras e, nomeadamente, sobre as pequenas e medianas empresas do tecido produtivo galego.

Trátase, engadiu, de establecer sinerxías e oportunidades entre as diferentes empresas que forman parte do sector aeronáutico en Galicia e de seguir impulsando novos produtos, dixitalizando as nosas empresas e competindo no eido internacional.

“Rozas estanos permitindo que as grandes operadoras aeronáuticas estean investindo en Galicia pero ese investimento se ten que traducir tamén en crecemento, en oportunidades para que as pequenas e medianas empresas poidan seguir desenvolvendo os seus investimentos”, abondou Conde, que considerou que este acordo de colaboración vai ser determinante para que as iniciativas que se están a desenvolver no Polo Aeroespacial de Galicia cheguen ao conxunto do tecido produtivo.

¡Participa!

Únete á comunidade Civil UAVS Initiative para compartires perspectivas sobre o sector.