A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, participou esta tarde no evento de lanzamento da nova delegación de Ellas Vuelan Alto en Galicia, onde destacou o crecemento do sector na Comunidade e sinalou que dar visibilidade ás profesionais deste eido é unha obriga e un compromiso para o Goberno galego

Trátase da segunda delegación territorial que abre Ellas Vuelan Alto

Santiago de Compostela, 9 de novembro de 2023.- A Axencia Galega de Innovación (Gain) acolleu esta tarde o lanzamento da nova delegación en Galicia de Ellas Vuelan Alto, unha asociación que ten por obxectivo colaborar na visibilización da muller no sector aeroespacial, unha misión na que tamén se está a traballar desde o Polo Aeroespacial de Galicia.

A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, participou no evento, no que moderou unha mesa redonda sobre a estratexia aeroespacial en Galicia e os seus retos de futuro, na que puxo en valor que “dar visibilidade ás profesionais deste eido é unha obriga e un compromiso para o Goberno galego”. Ademais, convidou ás persoas asistentes a sumarse a Ellas Vuelan Alto.

A mesa de debate contou coa participación de mulleres referentes do sector aeroespacial galego e do ecosistema do Polo Aeroespacial de Galicia. A asociación Ellas Vuelan Alto suma máis de 50 empresas e colaboradores así como máis de cen socios individuais en toda España.

Un sector atractivo para o talento

Galicia conta con programas formativos con capacidade para xerar, atraer e reter talento no sector aeronáutico e aeroespacial, que ten unha gran proxección profesional. O Ciclo Superior de Mantemento Aeromecánico do CIPF As Mercedes de Lugo; o grao en Enxeñaría Aeroespacial da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo da Universidade de Vigo, no que un 45 % do alumnado do curso 2022-2023 son mulleres, a cifra máis alta desde o seu inicio e moi por riba da media da presenza de mulleres en carreiras STEM en España, que se atopa no 15 %; o mestrado universitario en Enxeñaría Aeronáutica da Universidade de Vigo, que habilita para o exercicio da profesión da enxeñaría aeronáutica; e o mestrado universitario en Sistemas Aéreos Non Tripulados da Universidade de Vigo e da Universidade de Santiago de Compostela son parte desta oferta formativa.

Ademais, o Polo Aeroespacial de Galicia dispón dun programa de fomento das vocacións científico-tecnolóxicas, con especial atención ás nenas e mozas, e que inclúe actuacións como a Aula Newton permanente en Tecnópole, que este ano celebra a súa 3ª edición, e obradoiros e visitas tanto ao Centro de Investigación Aeroportada de Rozas (CIAR) como ás empresas do Parque Tecnolóxico e Industrial, por exemplo as promovidas por Avincis, que están orientadas a centros educativos de Educación Secundaria e que se retomarán no mes de decembro.

Por outra parte, a Business Factory Aero, o programa de incubación, aceleración e consolidación de proxectos empresariais especializados no segmento dos vehículos non tripulados do Polo Aeroespacial de Galicia, consolídase como un foco de atracción para emprendedores de todo o mundo, acadando nesta 5ª convocatoria o seu teito de participación, ao recibir 144 propostas de 26 países. Coas 12 empresas que se incorporaron a semana pasada á nova edición da BFAero son xa 42 os proxectos empresariais incubados, acelerados ou consolidados no programa.

¡Participa!

Únete á comunidade Civil UAVS Initiative para compartires perspectivas sobre o sector.