A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, participou en Vigo na clausura da Asemblea Xeral Extraordinaria do Consorcio Aeronáutico Galego
Destacou ademais a oportunidade de crecemento que supón para as empresas e centros de coñecemento a presenza en Galicia de grandes multinacionais de referencia como Airbus, Telespazio, Babcock, Boeing e Indra, socios estratéxicos no Polo Aeroespacial
Vigo, 18 de xaneiro de 2023 A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, clausurou hoxe a Asemblea Xeral Extraordinaria do Consorcio Aeronáutico Gallego (CAG), onde destacou que o Observatorio da Industria Aeroespacial será clave para a evolución do sector e para identificar novas oportunidades no segmento dos sistemas non tripulados. Trátase dun proxecto conxunto da Xunta de Galicia e do CAG para xerar e divulgar coñecemento experto e estudos científicos sobre aeronáutica e aeroespacial, con especial referencia ao segmento dos vehículos non tripulados.
Os primeiros estudos realizados polo Observatorio están a piques de ser publicados e centraranse no financiamento da I+D+i no sector dos vehículos non tripulados, a análise da cadea de valor do sector aeroespacial e a súa integración noutras cadeas de valor nacionais e internacionais, os instrumentos de apoio á internacionalización ou o diagnóstico da creación de empresas aeroespaciais en España e en Galicia. O Observatorio tamén está a traballar no informe de contas anuais do sector.
Na súa intervención, a directora incidiu nas capacidades das empresas e centros de coñecemento do sector e convidou aos socios tecnolóxicos da Xunta no Polo Aeroespacial de Galicia -como Airbus, que estivo presente na asemblea- a incorporar ás súas cadeas de valor todo o potencial que ofrecen as entidades galegas.
Do mesmo xeito, fixo un chamamento ás empresas para que aproveiten os próximos cinco anos da iniciativa para incorporarse ás cadeas de subministración destas multinacionais, poñan en valor o seu traballo e a súa tecnoloxía, e se transformen en colaboradores destas compañías, non só para o ecosistema dos vehículos non tripulados, senón tamén para outros programas, segmentos e actividades.
Novo programa de axudas
Patricia Argerey referiuse á capacidade de atracción de investimentos do Polo Aeroespacial de Galicia e sinalou que un proxecto no que participa a iniciativa da Xunta foi un dos once seleccionados polo Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital na convocatoria do programa de Redes Territoriais de Especialización Tecnolóxica (Retech).
Este proxecto para a optimización das cadeas de valor en sectores estratéxicos está orientado a fomentar a aplicación da intelixencia artificial nas industrias. Participan, ademais de Galicia, País Vasco e Madrid.
No marco do financiamento obtido no Retech a Xunta de Galicia lanzará un programa de axudas para o fomento da Compra Privada de Innovación no segmento dos vehículos non tripulados. Con esta novidosa convocatoria apoiaranse aquelas entidades galegas que desenvolven produtos ou servizos, compartindo o risco coa industria compradora.
5G e ciberseguridade
Ademais deste novo programa, a directora lembrou as actuacións en marcha no Polo Aeroespacial de Galicia. Está aberto un proceso de licitación, cun orzamento de 4 M€, para o desenvolvemento dunha infraestrutura 5G e de ciberseguridade que completará os equipamentos do Centro de Investigación Aeroportada de Rozas (CIAR) e as súas capacidades para a realización de ensaios con sistemas non tripulados.
Tamén están en proceso de desenvolvemento cinco novos proxectos adxudicados recentemente para a creación de novas solucións con vehículos non tripulados aéreos e mariños que se prevé estean incorporadas nos servizos públicos da Xunta nun prazo dun ano.
Babcock, Telespazio e un consorcio integrado pola peme galega Aeromedia, por Indra e polo Instituto Tecnolóxico de Galicia son os adxudicatarios destes contratos cos que a Xunta despregará solucións con sistemas non tripulados que redundarán de forma directa en servizos como o transporte sanitario urxente, a monitorización de zonas forestais, a vixilancia e a inspección marisqueira e pesqueira, a localización de persoas extraviadas e a análise das poboacións de semente de mexillón.