• O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, participou na Coruña na presentación da iniciativa FASTFly 2035, cun investimento de 4 millóns de euros e centrada na intelixencia artificial aplicada ás operacións con drons
  • Anuncia que no segundo semestre do ano se lanzará unha nova convocatoria para seguir desenvolvendo programas de compra pública innovadora vinculada ao Polo aeroespacial de Galicia

A Coruña, 3 de marzo de 2021. O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, sinalou hoxe na presentación da Unidade Mixta de Investigación FASTFly 2035, que impulsan o Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG) e Star Defence Logistics & Engineering (SDLE) co apoio da Xunta, que esta iniciativa e o Polo aeroespacial de Galicia demostran que Galicia se pode posicionar na vangarda desta industria.

Na súa intervención, Francisco Conde anunciou que no segundo semestre deste ano se lanzará unha nova convocatoria para seguir desenvolvendo programas de compra pública innovadora (CPI), vinculados ao Polo aeroespacial de Galicia, co obxectivo de seguir dando resposta a novos retos tecnolóxicos.

A nova Unidade Mixta presentada hoxe, que se centra na intelixencia artificial aplicada ás operacións con drons, dá continuidade ao proxecto iniciado en 2017, prevendo en total un investimento público-privado de 4 millóns de euros. Tal e como apuntou Conde, contribúe á retención e captación de talento, contando cun equipo de traballo de 17 investigadores e prevendo a creación de 10 novos empregos de alta cualificación. O obxectivo é achegar avances moi significativos que contribuirán a mellorar o gran reto do sector: a operatividade e a funcionalidade dos vehículos aéreos non tripulados. As instalacións do Polo Aeroespacial de Galicia en Rozas (Castro de Rei) serán a súa base de operacións para ensaios e demostracións, polo que o traballo será en coordinación permanente.

O vicepresidente económico sinalou que se trata da primeira Unidade Mixta de Investigación especializada en vehículos aéreos non tripulados, destacando que a iniciativa se puxo en marcha como resposta á demanda do mercado de vehículos aéreos non tripulados que poidan operar con maior seguridade e autonomía en escenarios máis complexos. O equipo non só traballa en desenvolvementos tecnolóxicos e ensaios que permitan ao dron ter maior independencia do piloto nestes entornos coa axuda da intelixencia artificial e a robótica, senón que tamén está colaborando na definición dun novo marco regulatorio que contemple voos autónomos e a súa integración no espazo aéreo.

O obxectivo agora é programar voos que vaian fóra da liña visual do piloto e que precisen da menor intervención humana; profundizar nestes traballos para o desenvolvemento de aeronaves con maior autonomía; e avanzar na xestión da enerxía que consomen. Trátase, polo tanto, de drons que, grazas á intelixencia artificial, cumpren os requisitos para operar en entornos de emerxencias, vixilancia de costas, e todo tipo de emisións de seguridade en espazos onde non hai infraestrutura para avións non tripulados.

O programa de Unidades Mixtas de Investigación impulsado pola Xunta favorece a cooperación entre os organismos de investigación e o tecido empresarial para realizar xuntos proxectos de I+D+i aliñados cos retos e prioridades da RIS3. A través das 8 convocatorias resoltas ata o momento, a Xunta apoiou 46 Unidades Mixtas: coa participación de 13 centros de coñecemento e 33 empresas, a mobilización de máis de 130 millóns de euros, e coa implicación de 700 profesionais.

¡Participa!

Únete á comunidade Civil UAVS Initiative para compartires perspectivas sobre o sector.