A directora xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial, Margarita Ardao, asistiu a unha demostración da tecnoloxía Suite Acre, desenvolvida por Vig-Sec Drone, startup participante na 5ª edición da Business Factory Aero

O software probado hoxe facilita a xestión das emerxencias e o control total do espazo aéreo, permitindo o uso simultáneo de drons e aeronaves tripuladas, reducindo o impacto e o tempo de intervención

Nigrán, 19 de xuño de 2024. A directora xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial, Margarita Ardao, asistiu hoxe a unha pioneira demostración da tecnoloxía Suite Acre, da startup Vig-Sec Drone, que posibilita unha mellor coordinación das emerxencias ao permitir realizar voos simultáneos de vehículos non tripulados e aeronaves convencionais nun mesmo espazo aéreo de forma segura. “É fundamental o valor innovador de startups como Vig-Sec Drone, que desenvolven tecnoloxías de alto interese para o avance do sector aeroespacial e, de forma específica, do segmento dos vehículos non tripulados”, sinalou Ardao ao remate da proba.

O proxecto Suite ACRE (Área de Control Restrinxida de Emerxencias) é un software de xestión do espazo aéreo de emerxencias que permite o uso simultáneo de aeronaves tripuladas e non tripuladas, reducindo o impacto e o tempo de intervención nestas situacións.

Valorado pola súa singularidade para o sector aeronáutico e aeroespacial galego, este proxecto, que participou tamén na 7ª edición de ViaGalicia -programa de aceleración de empresas promovido pola Xunta de Galicia e o Consorcio da Zona Franca de Vigo-, recibe titorización e mentorización na Business Factory Aero (BFAero) logo de que a startup fose seleccionada no itinerario de aceleración da 5ª edición. Vig-Sec Drone tamén forma parte do programa Civil UAVs Initiative da Xunta de Galicia.

A demostración realizada hoxe en Porto do Molle (Nigrán) é fundamental para a validación desta tecnoloxía e consistiu na recreación dun espazo de emerxencia coa presenza dun helicóptero e dun dron. Durante a proba realizáronse voos a diferentes alturas e distancias, co uso do software Suite Acre e sen el, e analizouse a capacidade da aeronave tripulada para identificar o dron de forma manual.

5 edicións da BFAero

A Business Factory Aero desenvolveu ata a data 5 edicións do seu programa, no que participaron 43 proxectos empresariais: 15 en incubación, 21 en aceleración e 7 en consolidación, que xeraron 182 empregos e, nas catro primeiras edicións, obtiveron un investimento de 1,65 M€ e unha facturación conxunta de 6,54 M€.

¡Participa!

Únete á comunidade Civil UAVS Initiative para compartires perspectivas sobre o sector.