O presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, o vicepresidente primeiro, a conselleira de Política Social e Xuventude e o conselleiro de Sanidade participaron na presentación do sistema ‘Dronefinder’ para a procura de persoas desaparecidas

O novidoso proxecto permitirá mellorar a eficacia na procura ao actuar no menor tempo posible mediante o uso de drons e sistemas de xeolocalización

A Estrada (Pontevedra), 9 de xaneiro de 2024. O presidente da Xunta, Alfonso Rueda; o vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo; a conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García; e o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña participaron na presentación do sistema de busca de persoas desaparecidas Dronefinder.

O vicepresidente primeiro destacou o “indiscutible” selo innovador co que conta Galicia poñendo a tecnoloxía ao servizo da sociedade con solucións que melloran ámbitos como a sanidade, a educación ou a seguridade.

O proxecto foi desenvolvido pola UTE Aeromedia, Indra e o Instituto Tecnolóxico Galego para a Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA). Deste xeito, trátase dun novidoso proxecto que permitirá mellorar a eficacia no proceso ao actuar no menor tempo posible mediante o uso de drons e sistemas de xeolocalización.

Diego Calvo resaltou que o obxectivo é seguir avanzando na consecución dunha sociedade máis segura, facilitando o labor que levan a cabo os servizos públicos de emerxencias, saúde e Forzas e Corpos de Seguridade do Estado. Así, este sistema pioneiro, que conta co financiamento da Axencia Galega de Innovación (GAIN) a través de fondos FEDER, optimizará tanto a prevención como os operativos e, en especial, nos casos de persoas desaparecidas de xeito involuntario debido a diferentes patoloxías derivadas do deterioro cognitivo.

O vicepresidente primeiro quixo destacar, así mesmo, o sólido ecosistema innovador e de coñecemento en torno aos vehículos non tripulados co que conta a comunidade grazas ao Polo Aeroespacial de Galicia, baixo o cal tamén se ampara esta nova ferramenta.

¡Participa!

Únete á comunidade Civil UAVS Initiative para compartires perspectivas sobre o sector.