A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, presidiu a apertura dentro deste encontro internacional do Civil UAVs Initiative Theatre, que albergará tres mesas redondas

Un total de 16 empresas e centros de coñecemento galegos están presentes no espazo expositivo da iniciativa neste evento de referencia no segmento dos drons que se celebra no marco da Airspace Integration Week Madrid

A Xunta lanzará nos primeiros días de outubro unha consulta preliminar ao mercado para desenvolver un novo programa de solucións que opte á liña de Fomento da Innovación desde a Demanda do Ministerio de Ciencia e Innovación

Madrid, 25 de setembro de 2023.- A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, destacou hoxe en Madrid o posicionamento internacional acadado polo Polo Aeroespacial de Galicia durante a inauguración do Civil UAVs Initiative Theatre, un foro de coñecemento que se realiza na feira Expodrónica, que é un evento profesional internacional especializado no segmento dos vehículos non tripulados que se celebra no marco da Airspace Integration Week Madrid.

Na súa intervención Argerey referiuse, de forma específica, aos positivos datos de exportación rexistrados polas pemes tecnolóxicas galegas do segmento dos sistemas non tripulados e á capacidade de atracción de proxectos e talento internacional do Polo Aeroespacial de Galicia, poñendo en valor as 144 propostas de 25 países recibidas na última convocatoria da Business Factory Aero.

A directora destacou ademais que a traxectoria de internacionalización do sector aeroespacial galego apunta a unha crecente competitividade, atendendo aos datos das súas exportacións, segundo se reflicte no informe sobre Instrumentos de apoio á internacionalización do sector aeroespacial do Observatorio da Industria Aeroespacial. Neste sentido, sinalou que nos períodos 2013-2017 e 2018-2022 cuadriplicáronse as vendas ao exterior do sector aeroespacial galego, pasando de 14 a 54 M€, e crecendo a un ritmo máis acelerado que o conxunto nacional.

Neste foro, a directora da Axencia Galega de Innovación anunciou que a Xunta de Galicia lanzará nos primeiros días de outubro unha consulta preliminar ao mercado que será a base para desenvolver un novo programa de solucións que se presente á liña de Fomento da Innovación desde a Demanda (liña FID) do Ministerio de Ciencia e Innovación que fomenta as actuacións de Compra Pública de Innovación (CPI) entre os organismos e entidades do sector público, cofinanciada con fondos FEDER.

Ampla presenza galega

Galicia conta cunha ampla presenza en Expodrónica e na Airspace Integration Week. Así, no espazo expositivo do Polo Aeroespacial de Galicia están presentes, ademais do Consorcio Aeronáutico Galego, un total de dezaseis empresas e centros de coñecemento: Avincis, Telespazio, Alter, Bahía Software, Catec, Centum, Cielum by Dronfies, Cuatro Digital, Fuvex, Gradiant, Ingeniería InSitu, Instituto Tecnológico de Galicia, Lupeon, Pildolabs, UAV Works e Utingal.

Diferentes axentes do ecosistema do Polo Aeroespacial de Galicia, como os socios estratéxicos da Xunta Avincis e Telespazio, que participaron na mesa redonda de apertura con Patricia Argerey, exporán estes días no Civil UAVs Initiative Theatre as solucións desenvolvidas no Polo Aeroespacial de Galicia e as súas diferentes aplicacións.

Gradiant, Pildolabs Galaica, FuVex, Ingeniería InSitu e Bahía Software abordarán temáticas como a eficiencia de operacións de drons con vídeo analítica, o uso de vehículos non tripulados de longo alcance para garantir a seguridade da rede, a monitorización de voos máis alá da liña de vista ou o uso da intelixencia artificial aplicada á observación da biodiversidade. Cuatro Digital, Catec, Utingal e Lupeon falaron, no seu caso, de arquitecturas de backend e interfaz de usuario en sistemas de misión, novas tecnoloxías para sistemas non tripulados altamente autónomos, vantaxes dos materiais compostos e procesos de fabricación innovadores aplicados a drons e solucións de hardware lixeiro para vehículos non tripulados mediante fabricación aditiva.

Airspace Integration Week Madrid

O congreso Airspace Integration Week Madrid celébrase desde hoxe e ata o 28 de setembro no recinto feiral IFEMA e no aeródromo de Cuatro Vientos. Esta destacada cita internacional componse á súa vez de tres eventos especializados: Expodrónica Air Show, centrada no segmento dos vehículos e sistemas non tripulados con conferencias e exhibicións; Airspace Integration Congress e World Space Summit, con ponencias e presentacións de alto nivel.

 

¡Participa!

Únete á comunidade Civil UAVS Initiative para compartires perspectivas sobre o sector.