A directora xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial, Margarita Ardao, participou en Transfiere Málaga nunha mesa redonda sobre a creación de riqueza nos territorios a través da innovación
Intelixencia artificial, defensa e seguridade son eixos clave desta edición dun dos principais eventos europeos sobre transferencia de coñecemento
Málaga, 13 de marzo de 2025. A directora xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial da Xunta de Galicia, Margarita Ardao, destacou hoxe en Transfiere Málaga o impacto do Polo Aeroespacial de Galicia como motor de innovación, competitividade e crecemento económico para as empresas e centros de coñecemento da Comunidade.
Ardao referiuse aos efectos do Polo Aeroespacial nunha mesa redonda sobre a creación de riqueza nos territorios a través da innovación na que tamén participaron Eduardo Pereira, xerente do Parque Tecnolóxico de Fuerteventura; José Manuel Colodrás, xefe de servizos de I+D da Policía Nacional; e Verónica de Mata, responsable de Compra Pública de Innovación no Instituto Nacional de Ciberseguridade. Neste sentido, destacou que a iniciativa estratéxica impulsada pola Xunta e desenvolvida a través da colaboración público-privada, ten posicionado a Galicia como referente no sector aeronáutico e aeroespacial, con especial foco no segmento dos sistemas non tripulados, fomentando a competitividade e a transferencia tecnolóxica e atraendo á rexión ás principais compañías do sector.
A participación en Transfiere Málaga, Foro para a Ciencia, Tecnoloxía e Innovación, que este ano celebra a súa décimo cuarta edición, contribúe a dar visibilidade ás capacidades e ao potencial de Galicia neste sector. Trátase dun dos principais eventos europeos sobre I+D+i e transferencia de coñecemento de Europa e reúne a profesionais, empresas, institucións e administracións públicas. Intelixencia artificial, defensa e seguridade son os eixos clave desta edición.
Apoio a startups galegas innovadoras
No marco de Transfiere Málaga, a directora xeral asistiu ademais á presentación de APTE TOP 100 Startups 2024, o ranking das 100 mellores startups elaborado pola Asociación de Parques Científicos e Tecnolóxicos de España, no que foron recoñecidas dúas empresas do Parque Tecnolóxico de Galicia – Tecnópole: Coinscrap Finance e Madera Plus Calidad Forestal.
O obxectivo de APTE con este recoñecemento ás 100 startups máis destacadas dos parques científicos e tecnolóxicos españois é poñer de relevo a calidade e capacidade emprendedora que se desenvolve nestas contornas, así como facilitar o coñecemento destas empresas a posibles entidades investidoras interesadas en proxectos cun alto potencial de crecemento.