A directora xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial, Margarita Ardao, visitou hoxe en Silleda o espazo expositivo do Polo Aeroespacial de Galicia na Feira Internacional de Seguridade, Defensa e Emerxencias (SEDEXPO)
Silleda (Pontevedra), 28 de marzo de 2025. A directora xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial, Margarita Ardao, destacou hoxe en Silleda a competitividade das empresas galegas para acceder ao mercado das tecnoloxías duais, para o seu uso civil e de defensa.
Durante a súa visita ao espazo expositivo do Polo Aeroespacial de Galicia na Feira Internacional de Seguridade, Defensa e Emerxencias (SEDEXPO) que se está a celebrar na Feira de Exposicións de Galicia, Ardao sinalou que o tecido empresarial galego ten demostrado a súas capacidades no sector aeronáutico, aeroespacial, da seguridade e das emerxencias. Neste sentido, insistiu en que a experiencia no desenvolvemento destas tecnoloxías sitúano nunha posición privilexiada para incrementar a súa competitividade desenvolvendo tecnoloxías de uso dual.
Silleda acolleu desde o mércores ata hoxe a terceira edición de SEDEXPO, punto de encontro para que empresas, profesionais, organismos públicos e institucións coñezan as oportunidades desta industria, intercambien experiencias, xeren negocio e coñezan as últimas novidades do sector.
O aeroespacial, a aeronáutica e os vehículos non tripulados foron protagonistas desta edición, na que o Polo Aeroespacial de Galicia contou cun stand propio no que participaron empresas e centros tecnolóxicos e de coñecemento como Aertec, Airbus, Avincis, Tecnobit, Telespazio Ibérica, Cuatro Digital, UARX Space, Kreios Space, Arzeos Aircraft, Aguia Analítica Avanzada, Beagle Technology, Ventilatio Lab, H2Dron Energy e Net2Fly.
Ademais, celebrouse unha xornada monográfica sobre o Polo Aeroespacial de Galicia na que se abordaron temáticas como o papel do Centro de Investigación Aeroportada de Rozas (CIAR) como centro estratéxico para a defensa e a innovación tecnolóxica; os servizos intelixentes sobre mobilidade área; o presente e o futuro dos drons; cartografía rápida para a xestión de emerxencias; a dixitalización na loita contra incendios forestais; o cerebro detrás dos drons; ou a aplicación das matemáticas ao servizo da loita contra incendios. Tamén tivo un espazo propio no programa de conferencias de SEDEXPO, a Business Factory Aero, programa de incubación, aceleración e consolidación de startups do sector aeroespacial da Xunta.