A directora xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial, Margarita Ardao, reúnese cos promotores da startup, a primeira española centrada en desenvolver un sistema de propulsión eléctrica para satélites que operan en órbitas baixas
Subliña que Kreios é “un exemplo de retorno para a comunidade, tanto desde a óptica de captación e retención de talento, como de impulso de iniciativas orientadas a reforzar o ecosistema tecnolóxico galego”
Lugo, 18 de decembro de 2024. A directora xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial, Margarita Ardao, reuniuse hoxe cos promotores de Kreios Space nunha visita ás instalacións desta startup, xurdida na Business Factory Aero, o programa de incubación, aceleración e consolidación de empresas da Civil UAVs Initiative, na Fundación CEL, en Lugo. Durante a visita, a directora destacou a achega de Kreios Space á diversificación e á internacionalización do sector aeroespacial galego.
Margarita Ardao coñeceu o traballo de Kreios Space da man do seu CEO, Adrián Senar, e de parte do seu equipo, aos que felicitou pola consecución de 1,12 M€ na resolución provisional da última convocatoria do Programa Tecnolóxico Espacial (PTE) do Centro para el Desarrollo Tecnológico y la Innovación (CDTI) para as dúas propostas nas que participou en consorcio con outras empresas. Este financiamento permitiralle á startup, especializada no desenvolvemento de sistemas de propulsión eléctrica para satélites, avanzar nas súas solucións.
O investimento súmase a outros fondos que a startup logrou captar: 760.000 euros nunha rolda de investimento privada liderada por XesGalicia e GrowVenture Partners xunto cun exitoso crowdfuding. Durante o seu percorrido en BFAero, tamén obtivo 1,3 millóns de euros en financiamento público da man de programas coma o NEOTEC do CDTI ou o Programa de Centros de Fabricación Avanzada do Igape.
Kreios Space foi seleccionada no itinerario de incubación da 4ª edición da Business Factory Aero (2022) e no itinerario de aceleración da 5ª edición cun proxecto para o desenvolvemento dun sistema de propulsión eléctrico para satélites que permite mantelos indefinidamente en órbitas moi próximas á terra (VLEO), aumentando a resolución das imaxes recollidas e reducindo os custes.
A startup é un exemplo de creación e atracción de talento e empresas a Galicia co apoio da Xunta, xa que trasladou a súa sede social a Galicia logo do seu paso pola BFAero, onde está desenvolvendo novos proxectos, acometendo melloras técnicas no seu sistema de propulsión para satélites e impulsando unha estratexia de internacionalización. O seu obxectivo é chegar a Europa, América, Asia, Oriente Medio, Oceanía nun prazo de catro anos. “Kreios é un exemplo de retorno para a comunidade, tanto desde a óptica de captación e retención de talento como de impulso de iniciativas orientadas a reforzar o ecosistema tecnolóxico galego”, destacou Ardao.
Tal e como explicaron os promotores de Kreios, a súa previsión é duplicar o cadro de persoal nos vindeiros 12 meses para afrontar retos como a transformación das instalacións da súa cámara de baleiro en Vigo -financiada polo Programa de Centros de Fabricación Avanzada do Igape e que estará operativa a partir de marzo- nun centro estratéxico para a industria satelital europea.
O Programa Tecnolóxico Espacial (PTE) en Galicia
A directora Xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial puxo en valor que tres empresas galegas teñan recibido financiamento na resolución provisional desta última convocatoria do Programa Tecnolóxico Aeronáutico por un importe superior a 2,8 millóns de euros. Trátase de Kreios Space, coa participación en dúas propostas; de Televés e de Alén Space.
Ardao fixo un chamamento ás empresas galegas a unir esforzos e crear sinerxías para optar a convocatorias nacionais e internacionais que, como a do CDTI, permitan sumar capacidades ao sector aeronáutico e aeroespacial en Galicia.
A Business Factory Aero
A Business Factory Aero, programa de incubación, aceleración e consolidación de empresas do sector aeroespacial da Civil UAVs Initiative, apoiou ao longo das súas cinco edicións un total de 46 proxectos empresariais, que mobilizaron un investimento de preto de 7,8 millóns de euros e que rexistraron unha facturación conxunta de 9,2 millóns.