Este sistema foi desenvolvido no programa de Solucións da Civil UAVs Initiative por Indra, Aeromedia e o Instituto Tecnológico de Galicia

Foi testada en diferentes escenarios e casos de uso, nun total de 11 misións de localización e busca e está preparado para integrarse nos sistemas de servizos de emerxencias, sanidade ou forzas de seguridade

Santiago de Compostela, 29 de agosto de 2024.- A Xunta de Galicia é pioneira en probar as vantaxes e potencialidades de DroneFinder, unha innovadora solución tecnolóxica desenvolvida na Civil UAVs Initiative que permite reducir os tempos de busca de persoas desaparecidas e que combina o uso de vehículos non tripulados e intelixencia artificial.

A solución foi testada en Galicia en diferentes escenarios e casos de uso, en zonas periurbanas, rurais e costeiras, nun total de 11 misións de localización e busca, nas que se contou coa colaboración da Axencia Galega de Emerxencias – Axega e de membros das forzas e corpos de seguridade do Estado.

Este sistema de xestión de busca de persoas extraviadas foi desenvolvido por Indra, pola peme Aeromedia e polo Instituto Tecnológico de Galicia. Xa se teñen rexistrado demostracións de interese doutras Administracións e entidades sobre esta tecnoloxía, que foi presentada en feiras e eventos sectoriais como DRONExpo, UNVEX ou Xponential e que está preparada para integrarse nos sistemas doutros servizos de emerxencias, sanidade ou forzas de seguridade.

Esta tecnoloxía proporciona recursos para buscar e localizar a persoas por diferentes medios: mediante a comunicación do dron cun localizador nun reloxo, un detector de teléfonos móbiles ou analizando o vídeo das cámaras integradas nos vehículos non tripulados, que analizan de forma automática e en tempo real grandes volumes de imaxes recollidas por cámaras de vídeo duais. Ademais, o sistema permite lanzar un aviso directo aos equipos de emerxencias, reducindo os tempos de resposta e optimizando os recursos empregados nos operativos de busca.

O obxectivo final é localizar a persoas extraviadas no menor tempo posible, xa que, para o éxito destas operacións, as primeiras 48 horas son vitais, especialmente en casos de persoas con deterioro cognitivo, enfermidades neurodexenerativas ou de persoas con discapacidade.

Programa de Solucións da Civil UAVs Initiative

O programa de Solucións da Civil UAVs Initiative está enfocado a desenvolver ata a súa plena operatividade produtos ou servizos baseados en sistemas non tripulados e outras tecnoloxías para a súa aplicación en servizos públicos específicos, dando resposta a retos identificados previamente por diferentes departamentos da Xunta de Galicia.

Desde a posta en marcha da Civil UAVs Initiative en 2014 ata a actualidade téñense adxudicado un total de 12 contratos, dos cales 5 xa se despregaron nos servizos públicos e outros dous están en proceso de ser incorporados a diferentes departamentos da Xunta.

¡Participa!

Únete á comunidade Civil UAVS Initiative para compartires perspectivas sobre o sector.