• A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, presentou esta mañá ante un cento de empresas e centros de coñecemento unha Consulta Preliminar ao Mercado neste eido

  • A recuperación de terras agrícolas, a protección da paisaxe, a xestión medio ambiental do Parque Nacional das Illas Atlánticas, a repoboación de terreos, a xestión do patrimonio natural, a inspección, mantemento e conservación de estradas e a seguridade cidadá son os novos retos para os que o Goberno galego busca dar resposta

  • O prazo de presentación de propostas está aberto ata o 6 de novembro

    Santiago de Compostela, 24 de outubro de 2023.- A Xunta de Galicia abriu unha Consulta Preliminar ao Mercado para seguir avanzando na incorporación nos servizos públicos de tecnoloxías baseadas en vehículos non tripulados. A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, participou esta mañá na presentación da Consulta coa que o Goberno galego pretende dar resposta a novos retos identificados por diferentes áreas e departamentos das Consellerías.

    Esta nova chamada ao mercado lánzase despois das que se realizaron en 2014 e 2020 e que serviron de base para definir os retos do Polo Aeroespacial de Galicia. É, polo tanto, o terceiro conxunto de solucións que activa o Goberno galego para contribuír a mellorar os servizos públicos mediante vehículos non tripulados. Ao redor de cen representantes de empresas e centros de coñecemento asistiron á xornada. O obxectivo da consulta é coñecer os avances, novidades e capacidades do mercado.

    A convocatoria está aberta a persoas físicas ou xurídicas, públicas e/ou privadas, de maneira individual ou en unión temporal. Admitirase a presentación de propostas aos diferentes retos tecnolóxicos por parte dun mesmo propoñente, pero só unha por reto. O prazo de presentación de ideas innovadoras está aberto ata o 6 de novembro.

    A Xunta de Galicia elaborará un informe de conclusións no que se detallarán os resultados obtidos, que será público. Ademais, as propostas servirán de base para presentar novos proxectos e captar novos fondos na convocatoria da Liña de Fomento da Innovación desde a Demanda (Liña FID) para a Compra Pública de Innovación do Ministerio de Ciencia e Innovación, cofinanciada polo Programa Plurirrexional de España 2021-2027 dos Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (Feder).

    As ideas de solucións innovadoras que se presenten no marco da Consulta Preliminar ao Mercado poderán empregarse para a súa inclusión nas especificacións funcionais ou técnicas de futuras licitacións de Compra Pública de Innovación.

    5 novos retos tecnolóxicos

    Para a elaboración da Consulta, a Xunta de Galicia contou coa colaboración dos diferentes departamentos e áreas das súas Consellerías, que se materializou en 5 novos retos tecnolóxicos.

    O primeiro, identificado polo Instituto de Estudos do Territorio (IET) e pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), refírese á recuperación de terras agrícolas e á protección de áreas de especial interese paisaxístico mediante o uso de sistemas non tripulados.

    O segundo reto, proposto pola Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, está centrado en obter solucións para a vixilancia, rescate, monitoraxe ambiental, investigación oceanográfica e control da contaminación no Parque Nacional das Illas Atlánticas con tecnoloxías de sistemas non tripulados.

    A repoboación de terreos con sistemas non tripulados e a integración de información sobre patrimonio natural proporcionada por vehículos non tripulados e outras plataformas de maior alcance, como satélites e HAPS son os obxectivos do terceiro reto. Esta proposta parte da Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

    O cuarto reto, da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI) busca aplicar tecnoloxías de vehículos non tripulados para acadar unhas estradas máis seguras, con solucións para o control da fauna e a vexetación, a estimación de demanda de tráfico viario ou tarefas de inspección, mantemento e conservación.

    Finalmente, o quinto reto busca mellorar a seguridade cidadá mediante o uso de vehículos non tripulados, con aplicacións na información e análise forense, a protección ou a escolta. As entidades que buscan solucións para este reto son o Instituto de Medicina Legal (IMELGA) e a Unidade de Policía nacional Adscrita á Xunta de Galicia da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes.

    A Xunta, pioneira no despregue de solucións

    A Xunta de Galicia é pioneira no despregue de solucións baseadas en sistemas non tripulados nos seus servizos públicos. Un total de tres solucións (resultado de cinco contratacións de Compra Pública de Innovación) incorporáronse na súa operativa: mostraxe en augas interiores para o control da calidade das augas, plataforma de xestión de datos do territorio e detección de pragas forestais en territorios fronteirizos da Comunidade.

    Ademais, atópanse en proceso de desenvolvemento outras cinco solucións baseadas en tecnoloxías de sistemas non tripulados para a atención sanitaria urxente no Camiño de Santiago; a monitoraxe de zonas forestais para a prevención, extinción de incendios e restauración post-incendios; a inspección e vixilancia pesqueira, marisqueira e acuícola; a análise de poboacións de sementes de mexillón e especies cohabitantes e a localización de persoas extraviadas mediante o uso de UAVs.

¡Participa!

Únete á comunidade Civil UAVS Initiative para compartires perspectivas sobre o sector.