A directora xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial, Margarita Ardao, asistiu hoxe en O Porriño á segunda campaña de probas de validación das tecnoloxías que se están a desenvolver no programa de I+D do Goberno galego e Telespazio no Polo Aeroespacial de Galicia

As solucións tecnolóxicas obtidas permitirán optimizar tarefas como a prevención da degradación dos humidais, a monitorización da costa e de masas forestais en zonas protexidas así como a análise do impacto das infraestruturas humanas sobre o medio natural

O Porriño (Pontevedra), 8 de novembro de 2024. A directora xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial, Margarita Ardao, asistiu hoxe no aeródromo de Furaventos, en O Porriño, a unha serie de probas de validación do rendemento e funcionalidade das tecnoloxías que están a desenvolver a Xunta de Galicia e Telespazio no programa de I+D de biodiversidade do Polo Aeroespacial de Galicia.

O programa denominado GeoSUB céntrase no desenvolvemento e evolución de aeronaves non tripuladas de curto e de longo alcance, específicas para misións de observación, captura e procesamento automatizado de datos de biodiversidade; por medio dunha plataforma integral de xestión de xeoinformación e misións con drons, capaz de xerar plans de voo de forma automática e que presenta unha gran eficiencia de custes.  O seu obxectivo é que os futuros usuarios, tanto a propia Xunta de Galicia, como a comunidade científica e outros operadores públicos e privados teñan acceso a datos intelixentes que lles permitirán mellorar a xestión dos seus servizos.

Nas demostracións realizadas esta xornada validáronse as funcionalidades dos equipos de navegación e comunicacións avanzadas das aeronaves non tripuladas do programa, así como dos sistemas que permiten aos drons analizar posibles ameazas e intrusións e tomar decisións rápidas para evitar colisións. Trátase de tecnoloxías fundamentais para voos fóra da liña de vista do operador e para facilitar a integración segura, eficaz e fiable das aeronaves non tripuladas no espazo aéreo.

Estas innovadoras solucións tecnolóxicas permitirán optimizar tarefas como a prevención e loita contra a degradación dos humidais, a monitorización do medio natural costeiro, a vixilancia de masas forestais en zonas protexidas ou a inspección e análise de impacto das infraestruturas humanas sobre o medio ambiente.

As solucións obtidas teñen tamén aplicación na identificación de hábitats costeiros, a extracción de parámetros ambientais, a identificación e seguimento automáticos de especies invasoras ou a xestión sustentable dos bancos marisqueiros, entre outras.

Atracción de empresas a Galicia

O Polo Aeroespacial de Galicia ten atraído á nosa comunidade a grandes empresas do sector aeronáutico e aeroespacial como Telespazio, que está a realizar unha importante aposta a longo prazo por este sector. A compañía, que conta con oficinas propias en Vigo desde o mes de maio, asumiu o compromiso de continuar reinvestindo na rexión coa posta en marcha de novos proxectos. Traballa ademais na industrialización destas tecnoloxías, produtos e servizos de carácter dual e alto valor engadido para o seu uso en outros sectores e a súa comercialización internacional.

O programa de I+D+i da Xunta e Telespazio supón un investimento público privado de 17,8 M€ (8,9 M€ de achega pública e 8,9 M€ de aportación privada), o desenvolvemento de 12 proxectos de I+D+i, 83 profesionais traballando de forma directa e 10 empresas e centros de coñecemento, na súa meirande parte galegos, participando: Alter, CATEC, ITG, Ingeniería InSitu, Bahía Software, Universidade de Vigo, Gradiant, ESSP, PildoLabs e Centum.

O programa GeoSUB está financiado pola Unión Europea no marco do Plan complementario de biodiversidade, impulsado polo Ministerio de Ciencia e Innovación, a través do Plan de Recuperación e Resiliencia. A proposta de Galicia, que participa xunto con outras cinco comunidades autónomas (Estremadura, Asturias, Andalucía, Canarias e Baleares), está coordinada coa do Parque Tecnolóxico de Fuerteventura, centrada no desenvolvemento e despregue de plataformas HAPS (sistemas pseudo-satelitais de gran altitude) e de vehículos non tripulados.

¡Participa!

Únete á comunidade Civil UAVS Initiative para compartires perspectivas sobre o sector.