Na xornada participaron a directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, e representantes da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade

O obxectivo é axustar a capacitación das persoas traballadoras ás necesidades das empresas para seguir impulsando a súa competitividade

Santiago de Compostela, 12 de febreiro de 2024. A Xunta analizou hoxe con axentes do ecosistema do Polo Aeroespacial de Galicia as necesidades e retos formativos deste sector de alta tecnoloxía. O obxectivo deste encontro foi establecer un diálogo co ecosistema para contribuír a axustar a capacitación das persoas traballadoras ás necesidades das empresas e do mercado laboral para que poidan contar cos perfís idóneos e seguir a incrementar a súa competitividade.

O Polo Aeroespacial de Galicia mantén un estreito e continuado contacto cos representes das empresas tractoras, as pemes e os centros tecnolóxicos e de coñecemento que conforman este ecosistema. Froito desta relación, promóvese esta xornada cos axentes, a fin de seguir identificando as súas necesidades de formación e as oportunidades que se poidan xerar no presente e no futuro en Galicia.

A xornada de diálogo contou coa presenza da directora de Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey; así como da subdirectora de Formación para o Emprego, Antía Guillén; e da subdirectora xeral de Cualificacións e Capacidades para o Emprego, Carmen Orgeira; que deron a coñecer as liñas de apoio da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade para contribuír á mellora da capacitación dos traballadores e traballadoras en sectores de alta demanda como é o aeroespacial.

Por parte do ecosistema do Polo Aeroespacial, participaron no encontro representantes de Avincis, Telespazio, CAG, Aeromedia, Sixtema, Cuatro Digital Technology; Bahia Software e Ingeniería Insitu.

¡Participa!

Únete á comunidade Civil UAVS Initiative para compartires perspectivas sobre o sector.