• A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, participou hoxe no acto de presentación do Informe Funcas 2024, poñendo en valor o ecosistema de innovación galego e destacando o espírito de “colaboración” do programa

  • A iniciativa ocupa o primeiro posto a nivel estatal nas categorías de Programa de aceleración, de graduación e no ranking global

Santiago de Compostela, 19 de abril de 2024.- A Business Factory Aero, o programa de incubación, aceleración e consolidación de empresas do sector aeroespacial, promovido pola Xunta de Galicia e xestionado pola Fundación CEL Iniciativas por Lugo, foi escollido pola Fundación de las Cajas de Ahorro (Funcas) e pola Universidad Rey Juan Carlos como a mellor Aceleradora en 2024 na categoría de Avanzadas.

Este primeiro posto no ranking nacional supón un importante recoñecemento ao labor desenvolvido polo Goberno galego, no marco do Polo Aeroespacial de Galicia, para a retención e atracción de talento no sector e para a creación de emprego de alta cualificación na comunidade.

A BFAero, o caso máis destacado de toda Galicia, sitúase ademais como primeira clasificada no ranking en diferentes categorías: no ranking de programas de aceleración 2024/2025; no de graduación 2024/2025 e no ranking global Funcas 2024/2025 de aceleradoras de empresas na categoría de Avanzadas. O traballo realizado e as importantes cifras de crecemento obtidas na última edición consolidan a este programa, que no anterior ranking ocupaba o quinto posto e agora xa é líder en España.

A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, foi a encargada de representar á Business Factory Aero no acto de presentación do Informe Funcas, onde destacou que “é o resultado de toda unha política pública focalizada nun único obxectivo, o de transformar a nosa Comunidade a través da innovación e a tecnoloxía”. Engadiu ademais que “este programa móvese grazas ao traballo de cada unha das startups, que naceron, medraron e internacionalizaron os seus proxectos na BFAero e tamén grazas ao equipo humano, que fixo posible os logros e avances dos proxectos que pasaron por este programa. Esta aceleradora e todo o traballo do Polo Aeroespacial de Galicia está baseado na colaboración. É a panca coa que impulsamos a innovación e foi tamén a da BFAero”.

Máis de 400 proxectos de 26 países presentaron a súa candidatura ás convocatorias realizadas nas cinco edicións da Business Factory Aero, das cales foron apoiados 42 proxectos empresariais, que teñen xerado 180 empregos cualificados e un volume de negocio conxunto que se aproxima aos 7 M€. Ata o 14 de maio está aberta unha nova convocatoria do itinerario de consolidación da BFAero, na que se seleccionarán tres novos proxectos.

A Fundación CEL consolídase como o mellor viveiro empresarial de toda España

O estudo sobre os servizos que prestan os viveiros e as aceleradoras de empresas de España realizado por Funcas tamén sitúa á Fundación CEL – Iniciativas por Lugo, o órgano xestor da Business Factory Aero, como o mellor viveiro de empresas en 2024, o que consolida o seu liderado nos últimos anos.

Fundación CEL foi o número un da lista no ranking de difusión do espírito emprendedor; no ranking de incubación básica; no de graduación e no ranking global de viveiros de empresas 2024/2025 na categoría de Avanzados.

¡Participa!

Únete á comunidade Civil UAVS Initiative para compartires perspectivas sobre o sector.