A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, participou hoxe no CIFP As Mercedes de Lugo no acto de acollida ás empresas seleccionadas na 5ª convocatoria
Un total de nove son de orixe galega, outras dúas proceden de Madrid e unha de Valencia e foron escollidas entre 144 propostas presentadas
Son xa un total de 42 as empresas que acceden aos itinerarios de incubación, aceleración e consolidación da Business Factory Aero
Lugo, 3 de novembro. A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, acompañada do delegado territorial da Xunta de Galicia en Lugo, Javier Arias, participou hoxe no CIFP As Mercedes de Lugo no evento de acollida aos doce novos proxectos empresariais que formarán parte da 5ª edición da Business Factory Aero (BFAero), o programa de incubación, aceleración e consolidación de empresas especializado no segmento dos vehículos non tripulados do Polo Aeroespacial de Galicia.
Os novos proxectos foron seleccionados na convocatoria con maior participación da BFAero, na que se recibiron 144 propostas de 26 países e que consolidou o programa como un reclamo para emprendedores de todo o mundo. A BFAero tense convertido nunha panca fundamental para o impulso da industria aeroespacial galega, contribuíndo a xerar e atraer talento e innovación na nosa Comunidade.
Das 12 novas propostas empresariais que hoxe se integran na BFAero, un total de nove corresponden a startups e spin-offs de orixe galega; e as outras tres son de Madrid (dúas) e Valencia. Un total de tres proxectos acceden ao itinerario de incubación, seis ao de aceleración (dos cales dous formaron parte do itinerario de incubación na 3ª e na 4ª edición); e outros tres ao de consolidación (deles, dous acaban de rematar o itinerario de aceleración da 4ª edición).
Os 12 proxectos seleccionados empregan a 66 persoas e contemplan, entre outros, a fabricación dunha aeronave ultralixeira e cun alto estándar de calidade, un innovador programa de formación dirixido a persoas que queiran incorporarse profesionalmente á industria dos drons ou unha solución que integra tecnoloxía de vehículos non tripulados e intelixencia artificial para mellorar a información de análise sobre os adestramentos e os partidos aos equipos de fútbol mediante a integración de solucións avanzadas de imaxes e de datos capturados con vehículos non tripulados.
No evento celebrado hoxe tamén se entregaron os diplomas acreditativos ás startups que participaron nos itinerarios de incubación (Aguia, Kreios e Ahyres) e de aceleración (Enercraft, Generadron, Beagle Technology, Dronfies Labs e Anduriña25) da cuarta edición do programa.
Tamén se destacaron fitos relevantes da cuarta edición como o acordo de transferencia de tecnoloxía coa Universidade de Stuttgart de Kreios Space; o primeiro contrato coa Axencia Galega de Infraestruturas deAguia; a sinatura dun contrato coa empresa Net2Fly por parte de Cielum; o acordo de FuVex con Naturgy para a inspección e mantemento de máis de 100.000 quilómetros de tendido eléctrico con drons; ou a obtención de apoio do programa NEOTEC de axuda pública a proxectos innovadores do CDTI por parte de Kreios Space e Ahyres.
A BFAero, en colaboración coa Fundación CEL Iniciativas por Lugo, favoreceu nas súas catro primeiras edicións a participación de 30 proxectos: 12 no itinerarios de incubación, 15 no de aceleración e tres de consolidación, procedentes de Galicia, Aragón, Cataluña, Comunidade Valenciana, Madrid, Navarra e Uruguai; ás que se suman estas 12 que se incorporaron hoxe. Ademais, os proxectos xeraron 116 empregos; obtiveron un investimento de 1,65 M€ (propio, de XesGalicia e de investidores externos); e rexistraron unha facturación conxunta de 6,54 M€ desde o inicio do programa en 2019.
Os 12 proxectos seleccionados
Nesta 5ª edición da BFAero, o programa especializado no segmento aeroespacial e dos vehículos non tripulados da Xunta de Galicia, seleccionou 12 novos proxectos tecnolóxicos en tres itinerarios.
Itinerario de incubación
Arzeos Aircraft (Silleda). Promovida pola startup co mesmo nome, a proposta está centrada no deseño e fabricación dunha aeronave ultralixeira que incorporará novos mecanismos de seguridade pasiva e innovacións en materia de aerodinámica e ergonomía, que suporán unha mellora na operación de voo e na seguridade dos ocupantes; así como o desenvolvemento dun proceso de fabricación que permitirá a redución de custos. Trátase dunha avioneta que se deseñará e construirá integramente en Silleda e que ten prevista a súa presentación en Alemaña nos próximos meses.
Banco de probas virtual para o estudo da aerodinámica de UAVs con aplicación no transporte de cargas e condicións de voo (Santiago de Compostela). Promovido por Ventilatio Lab, spin off da Universidade de Santiago de Compostela, este proxecto propón a definición dun entorno de simulación co obxectivo de analizar a aerodinámica e condicións de voo de UAVs para valorar se poden ou non transportar cargas e como optimizar a súa colocación.
Drone Net (Alpedrete, Madrid). O proxecto está promovido por Soluciones de Ingeniería de Iberia e está enfocado en ofrecer a fabricantes e provedores de servizos UAS unha solución para pilotar, xestionar e monitorizar toda a frota mediante comunicacións móbiles e satelitais. Isto permite operar de forma segura en condicións de BVLOS (máis aló da liña de vista), ademais de ofrecer grandes vantaxes en custos ou operar toda unha flota dende unha soa central de control por un único piloto.
Itinerario de aceleración
ACRE (Nigrán, Pontevedra). O proxecto ACRE (Área de Control Restrinxida de Emerxencias) da empresa VIG-SEC-DRONE, é un software de xestión do espazo aéreo de emerxencias que permite o uso simultáneo de aeronaves tripuladas e non tripuladas. Valorado pola súa singularidade para o ecosistema aeronáutico galego, este proxecto -que participa en ViaGalicia e que recibiu financiamento do programa de Recuperación Excelencia Neotec de Galicia- só recibe titorización e mentorización.
Plataforma para o desenvolvemento de sistemas de propulsión autónomos en órbitas VLEO (Lugo). Este proxecto da startup Kreios Space vén de participar no itinerario de incubación da 4ª edición da Business Factory Aero, está centrado no desenvolvemento dun novo sistema de propulsión eléctrica para satélites que operan en órbitas baixas. A tecnoloxía de Kreios Space permite que os satélites se manteñan indefinidamente en órbitas comerciais de interese, incluíndo altitudes de 100-450 km (VLEO), sen necesidade de combustible, grazas á súa capacidade para superar a forza aerodinámica da atmosfera. A redución dos custos das misións espaciais ou a optimización das cargas útiles son algúns dos beneficios da adopción desta tecnoloxía.
Lanzamento ao mercado das solucións tecnolóxicas de ITG Drone para operadores UAVs: ITG DroneSafeBox e DroneSuite (A Coruña). O proxecto desta spin-off do Instituto Tecnolóxico de Galicia, ITG Drone Solutions, está centrado en mellorar a competitividade das empresas do sector dos vehículos non tripulados a través de dúas solucións: DroneSafeBox, unha solución única “drone-in-a-box” para despregar, recuperar e recargar os drons, optimizando as operacións e reducindo custos e tempos de resposta; e DroneSuite, unha plataforma cloud para a xestión das operacións de frotas de drons, que ofrece unha forte integración con ferramentas de voo e procesamento de datos, automatizando procesos e sincronizando e almacenando información de forma segura. Ademais, está preparado para integrarse no novo marco UTM gracias ao software propio do Instituto Tecnolóxico de Galicia. Obtivo financiamento no programa de incubación da 3ª edición da BFAero.
Smart Pavement Analytics (Oleiros, A Coruña). O proxecto, promovido por Aguia Analítica Avanzada e que acaba de rematar o seu paso polo itinerario de incubación da 4ª edición da BFAero, propón unha solución de análise de datos que utiliza algoritmos de intelixencia artificial sobre imaxes tomadas desde drons para coñecer o estado das infraestruturas e mellorar a súa xestión.
TheDroneMBA (As Pontes, A Coruña). Impulsado por The Drone Programs, propón a creación dun programa de formación disruptivo dirixido a aquelas persoas que queiran incorporarse profesionalmente á industria dos drons, achegando os coñecementos sobre o manexo de vehículos non tripulados demandados nas diferentes industrias.
Embarcación eléctrica non tripulada de rescate (Valencia). Este proxecto da empresa valenciana Proteus Innovation está centrado na creación de Náutic, un dron mariño dun metro de lonxitude, que pode ser dirixido por radiocontrol ou pilotado por un socorrista, ideado para realizar rescates na auga e que permite transportar ata 3 persoas.
Itinerario de consolidación
Beagle Technology (Narón, A Coruña). Este proxecto obtivo financiamento no itinerario de aceleración da 4ª edición da BFAero foi seleccionado para o de consolidación nesta 5ª convocatoria. Beagle é unha solución de hardware e software que permite ofrecer información situacional mellorada en operacións de emerxencias.
Fly-Fut (Madrid). Esta startup presenta unha solución que integra tecnoloxía de drons e intelixencia artificial para achegar a mellor información a analistas e adestradores de equipos de fútbol, ofrecendo solucións avanzadas de imaxes e de datos, que substitúen ás tomadas con cámaras fixas.
Anduriña25 (Serra de Outes, A Coruña). Impulsado por Soluciones Aeronáuticas de Galicia, este proxecto que vén de participar no itinerario de aceleración da 4ª edición da BFAero, está centrado no deseño e fabricación dun dron híbrido cun concepto estrutural e aerodinámico innovador que lle permite voar en condicións fiables, eficientes e seguras sen poñer en risco a integridade da aeronave ou da carga que transporta.