Enmárcase dentro do Polo Aeroespacial de Galicia e seleccionaranse en total 11 proxectos emprendedores, dos cales tres participarán no itinerario de incubación, cinco no de aceleración e tres máis no de consolidación
As empresas, que poden presentar as súas solicitudes ata o 19 de xullo, accederán tanto a mentores especializados do Polo Aeroespacial de Galicia como a apoio económico e ao uso das infraestruturas e servizos dos axentes do sector
A iniciativa alíñase tanto coa Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3) de Galicia como coa Axenda Startups, a través da cal o Goberno galego aposta polo reforzo dun ecosistema que conxugue iniciativa empresarial e innovación
Santiago de Compostela, 25 de maio de 2023. Airbus, Avincis e Telespazio, participantes no Polo Aeroespacial de Galicia, colaboran coa Xunta de Galicia na quinta edición da Business Factory Aero (BFAero), que contará con mentores tecnolóxicos tanto destas compañías como de Gradiant, CTAG e das empresas do Consorcio Aeronáutico Galego. Tal e como se sinalou hoxe no Consello, o prazo de presentación de solicitudes para os interesados estará aberto desde mañá, venres, 26 de maio, ata o vindeiro 19 de xullo. A continuación, seleccionaranse un total de 11 proxectos para a súa incorporación á BFAero.
Esta edición da iniciativa impulsada pola Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación contará de novo con tres itinerarios adaptados á madurez comercial das iniciativas: o de incubación, cunha duración de 12 meses de duración e que acollerá ata tres proxectos; o itinerario de aceleración, con cinco prazas dispoñibles para madurar o modelo de negocio durante 8 meses, e o de consolidación, para que tres proxectos avancen na súa internacionalización e capten financiamento, con 6 meses de duración.
Nesta próxima edición da iniciativa que se desenvolve en colaboración coa Fundación CEL Iniciativas por Lugo, os proxectos seleccionados poderán acceder a axudas por parte de Axencia Galega de Innovación. Estes apoios serán de 40.000 euros no itinerario de incubación, de 60.000 euros en aceleración e de 30.000 euros en consolidación. Todos os proxectos contarán con 10.000 euros en concepto de bonos para o uso das infraestruturas e servizos singulares dos axentes galegos do sector aeroespacial, e as empresas que participen nos programas de aceleración e consolidación, ademais, poden acceder a préstamos participativos de XesGalicia.
A BFAero, que se enmarca dentro do Polo Aeroespacial de Galicia, busca garantir a consolidación do sector na comunidade, promovendo a captación de novos proxectos. Alíñase tanto coa Estratexia de Especializacion Intelixente (RIS3) de Galicia como coa nova Axenda Startups, a través da cal se aposta polo reforzo dun ecosistema que conxugue iniciativa empresarial e innovación configurándose, así, como un motor de reforzo da modernización e diversificación da economía de Galicia.
Forma parte do mapa de aceleradoras de carácter innovador activado pola Xunta de Galicia nos últimos anos e que inclúe as business factories de alimentación (BFFood), automoción (BFAuto) e saúde (BFMedicines), entre outros.