Participa en Xponential 2023, un dos eventos internacionais de referencia en tecnoloxía de vehículos e sistemas non tripulados, en colaboración co Consorcio Aeronáutico Gallego

O obxectivo é promover a internacionalización das empresas do ecosistema e fomentar a venda das tecnoloxías desenvolvidas no Polo Aeroespacial

Asisten tamén empresas e centros de coñecemento do ecosistema galego como Sixtema, Centum Research & Technology, Lupeon, Marine Instruments, Sense Aeronautics ou Instituto Tecnolóxico de Galicia

Santiago de Compostela, 7 de maio de 2023. O Polo Aeroespacial de Galicia estará presente do 9 ao 11 de maio en Xponential 2023, un dos eventos internacionais de referencia na industria dos vehículos e sistemas aéreos non tripulados que se celebra no Colorado Convention Center, en Denver, Estados Unidos. Contará con espazo propio no pavillón de España, xunto co Consorcio Aeronáutico Gallego, así como con empresas e centros de coñecemento do ecosistema como Sixtema, Centum Research & Technology, Marine Instruments, Lupeon, Sense Aeronautics (spinoff de Gradiant) ou o Instituto Tecnolóxico de Galicia.

A participación do Polo Aeroespacial de Galicia neste evento enmárcase na estratexia de internacionalización da iniciativa, que ten por obxecto fomentar a participación das empresas galegas nas principais feiras do sector para explorar oportunidades de negocio en países con interese na compra de produtos, tecnoloxías e solucións desenvolvidas na Civil UAVs Initiative ou por outras empresas do eido aeronáutico e aeroespacial en Galicia; e fomentar así a internacionalización do sector, fundamentalmente das pemes, e a venda das tecnoloxías desenvolvidas.

Ademais de visitar stands de empresas e países de todo o mundo e de coñecer as últimas innovacións tecnolóxicas neste eido, a delegación galega foi convidada a realizar unha visita ás instalacións de Boeing, socio estratéxico da Xunta no Polo Aeroespacial de Galicia.

Xponential en cifras

A feira Xponential 2023 é un evento líder ao servizo da última tecnoloxía para o vehículo autónomo e os sistemas non tripulados aéreos, mariños e terrestres, e para todos os seus ámbitos de aplicación. Esta gran cita sectorial está organizada pola Asociación Internacional de Sistemas Non Tripulados (AUVSI) e conta coa participación de 60 países. Na súa última edición en 2022, que tivo un formato híbrido, contou coa presenza de 520 expositores de 60 países, 7.000 visitantes e 8.200 metros cadrados de exposición. O Polo Aeroespacial de Galicia xa estivo presente na edición 2019 de Xponential, en Chicago.

¡Participa!

Únete á comunidade Civil UAVS Initiative para compartires perspectivas sobre o sector.