O goberno galego lembra que lanzará un programa de compra privada de innovación para desenvolver solucións tecnolóxicas baseadas no uso de sistemas non tripulados e intelixencia artificial

A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, participou nun panel sobre o sector aeroespacial ao servizo da cidadanía no Roadshow 2023 de Telespazio

A compañía está a desenvolver un programa de I+D coa Xunta de Galicia centrado en tecnoloxías avanzadas de observación e vixilancia da biodiversidade

Madrid, 13 de abril de 2023 A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, participou hoxe en Madrid nunha mesa redonda sobre o sector aeroespacial ao servizo dos cidadáns no marco do evento Roadshow 2023 da empresa Telespazio, socia estratéxica e tecnolóxica da Xunta de Galicia no Polo Aeroespacial de Galicia, onde convidou á industria española a aproveitar o potencial de coñecemento das pemes e centros tecnolóxicos e de investigación do Polo para dar resposta aos seus retos tecnolóxicos a través da intelixencia artificial e os sistemas non tripulados.

A Xunta de Galicia lanzará un novo instrumento de apoio que impulsará a compra privada de innovación por parte da industria. Está previsto realizar dúas convocatorias -en 2023 e 2024- e vai dirixido a pemes e centros de coñecemento galegos capaces de asinar acordos con empresas demandantes de solucións baseadas no uso de sistemas non tripulados e intelixencia artificial que non estean dispoñibles no mercado. As empresas compradoras serán os clientes lanzadores e as futuras usuarias das solucións se estas son validadas. Con esta actuación complementarase o efecto tractor da Administración e o impacto da compra pública de innovación no sector.

Neste novo programa, financiado no marco do programa de Redes Territoriales de Especialización Tecnológica, Retech a través de fondos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia Next Generation UE, e que estará dotado con 11,7 millóns de euros, terán cabida solucións que dean resposta aos retos e necesidades tecnolóxicas identificadas por empresas, tamén os relacionados coa biodiversidade e a preservación do medio ambiente, áreas nas que xa están a traballar compañías como Telespazio ou Avincis no Polo Aeroespacial de Galicia.

Observación e vixilancia da biodiversidade

Telespazio colabora con Avincis, outro dos socios estratéxicos da Xunta no Polo Aeroespacial, para desenvolver servizos innovadores enfocados á preservación da biodiversidade mediante a obtención e xestión de datos procedentes de diferentes plataformas de observación, como satélites e sistemas non tripulados; así como na aplicación de algoritmia orientada a medir os parámetros relativos ás diversas áreas (ecosistemas, especies, etc.).

O programa contempla o desenvolvemento e posta en servicio dunha infraestrutura dixital aberta de datos xeoespaciais sobre biodiversidade, que suporá un repositorio de información dixital e cartográfica aberta á comunidade científica e ás Administracións; así como o desenvolvemento de plataformas non tripuladas, algoritmia, sistemas de comunicacións e sensores específicos para este tipo de misións, entre outras actuacións.

 

¡Participa!

Únete á comunidade Civil UAVS Initiative para compartires perspectivas sobre o sector.