• O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, participa na demostración e entrega de prototipos de simuladores U-Space do Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico e a Innovación (CDTI)
  • Os dous novos simuladores instalados no Centro de Investigación Aeroportada de Rozas (CIAR) van permitir dar resposta a moitos dos retos que hoxe en día ten a regulación de voos con aeronaves non tripuladas
  • Foron desenvolvidos por medio dun contrato de Compra Pública Precomercial que lanzou o CDTI por un importe conxunto que suma 12,5 millóns de euros e que lle foron asignados a Indra e Boeing, xunto cun equipo de centros tecnolóxicos e outras empresas galegas e do resto de España,
  • Conde avanza que tamén se vai incorporar ás instalacións do Polo Aeroespacial de Galicia unha infraestrutura de telecomunicacións 5G e outra de ciberseguridade, apoiadas pola Administración autonómica e adxudicadas a Telefónica e GMW Aerospace & Defence por un importe de 3,6 millóns de euros

 

Castro de Rei (Lugo), 6 de marzo de 2023.- O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, manifestou hoxe que cos novos simuladores U-Space do Centro para o Desenvolvementos Tecnolóxico e a Innovación (CDTI), o Polo Aeroespacial de Galicia dótase dunha infraestrutura única en España e na contorna europea para a experimentación con vehículos aéreos non tripulados.

No acto de entrega deste equipamento instalado no Centro de Investigación Aeroportada de Rozas (CIAR), en Castro de Rei (Lugo), Conde asegurou que vai permitir dar resposta a moitos dos retos que hoxe en día ten a regulación de voos con aeronaves non tripuladas, o que fará  de Galicia e España un referente no desenvolvemento desta tecnoloxía e do marco regulatorio europeo  para o sector.

“Estamos demostrando que en Galicia temos este ecosistema de colaboración tanto desde o punto de vista industrial como tecnolóxico que nos está poñendo á vangarda dun sector enormemente competitivo no que Galicia e España se queren posicionar, e con este tipo de proxectos vinculados á Compra Pública Percomercial estámolo conseguindo”, dixo.

O vicepresidente económico salientou que os dous simuladores foron desenvolvidos por medio dun contrato de Compra Pública Precomercial que lanzou o CDTI por un importe conxunto que suma 12,5 millóns de euros e que lle foron asignados a Indra e Boeing, xunto cun equipo de centros tecnolóxicos e outras empresas galegas e do resto de España.

Ademais dos novos simuladores, Conde avanzou que nas instalacións do Polo Aeroespacial de Galicia tamén se vai instalar unha infraestrutura de telecomunicacións 5G e outra de ciberseguridade. Están apoiadas pola Administración autonómica e fóronlle adxudicadas a Telefónica e GMW Aerospace & Defence por un importe total de 3,6 millóns de euros.

Segundo lembrou, a través da Compra Pública Innovadora, a Xunta de Galicia xa incorporou o uso de vehículos aéreos non tripulados a servizos públicos como o control monitorizado do territorio, de pragas forestais e da auga, cun orzamento de case 3 millóns de euros. Agora, o programa de solucións que se desenvolve no Polo Aeroespacial de Galicia traballa en poder empregar esta tecnoloxía na atención sanitaria urxente no Camiño de Santiago, a monitorización de zonas forestais para a prevención e extinción de incendios, e na inspección e vixilancia pesqueira, cun investimento que ascende a 6,3 millóns de euros.

¡Participa!

Únete á comunidade Civil UAVS Initiative para compartires perspectivas sobre o sector.