A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, mantivo un encontro en Lugo con representantes das iniciativas participantes nesta aceleradora, na que por vez primeira haberá tres itinerarios: incubación (tres proxectos), aceleración (cinco) e consolidación (tres)
Corresponden a oito iniciativas desenvolvidas en Galicia e tres de Cataluña, Navarra e Uruguai
Os proxectos empresariais desta convocatoria do programa de incubación, aceleración e consolidación do Polo Aeroespacial de Galicia supoñen na actualidade 57 empregos
Lugo, 4 de outubro de 2022.- A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, participou hoxe na Fundación CEL no evento de ingreso dos proxectos seleccionados na Business Factory Aero, o programa de incubación, aceleración e consolidación impulsado pola Xunta no marco do Polo Aeroespacial de Galicia. Serán 11 iniciativas as que participarán na súa cuarta edición, a que máis propostas recibiu, un total de 88.
Para o itinerario de incubación, orientado a empresas en fases iniciais dos seus proxectos, existen tres prazas; en aceleración, deseñado para empresas cun modelo máis evolucionado, son cinco as propostas desta cuarta edición; e, como gran novidade, implántase a fase de consolidación, pensada para empresas xa asentadas que queren ir un paso máis alá nos seus proxectos e na súa presenza nos mercados, na que haberá tres proxectos. En definitiva, englóbanse todas as fases do talento emprendedor, desde a súa concepción orixinal ata a execución efectiva das solucións desenvolvidas.
Das 11 propostas empresariais que protagonizarán esta nova edición do programa, un total de 8 corresponden a iniciativas de orixe galega. As outras 3 son de Cataluña, Navarra e Uruguai, feito que referenda o modelo autonómico en materia de internacionalización e de retención e captación de talento innovador no sector aeroespacial. Entre os seleccionados hai 3 empresas que xa teñen participado en edicións anteriores da BFAero e 4 constituirán novas iniciativas empresariais en Galicia.
En canto ás áreas temáticas nas que se encadran as distintas iniciativas empresariais escollidas, a categoría con maior presenza é a de Aplicacións, cun total de 6 proxectos, seguida de Plataformas con 3 e finalmente Equipos, con 2. Os 11 proxectos empresariais seleccionados empregan a un total de 57 persoas.
O itinerario de incubación é de 12 meses de duración, o de aceleración de 8 meses e o de consolidación de 4 meses. Estes 11 proxectos seleccionados accederán a un completo programa de formación con titores especializados no sector aeroespacial e disporán do apoio económico da Xunta de Galicia e da integración no ecosistema en torno ao Polo Aeroespacial de Galicia, ademais dun bono de 10.000€ para empregar servizos e infraestruturas nos que se inclúen horas de voo e apoio en certificacións do sector, entre outros.
A BFAero, en colaboración coa Fundación CEL Iniciativas por Lugo, favoreceu nas súas tres primeiras edicións, a participación de 19 empresas, a creación de 8 start-ups e un investimento de 5M€. Coa cuarta e a quinta convocatoria, que contan cun investimento total de 7,2 M€, o obxectivo é apoiar un total de 25 empresas do sector.
Os 11 proxectos escollidos
Esta iniciativa da Xunta de Galicia para o sector aeroespacial enmárcase dentro da Rede galega de aceleradoras sectoriais de innovación e presenta aos 11 proxectos e empresas que protagonizarán a máis completa das edicións desenvolvidas ata o momento:
ITINERARIO DE INCUBACIÓN
Proxecto Counter-UAS (spin out de Gradiant, Galicia): Sistema de detección, identificación e neutralización de drons a través dun sensor de radiofrecuencia e un sensor electro-óptico.
Kreios Space (Cataluña): Desenvolvemento de sistemas de propulsión eléctrica autónoma para satélites que permitirá reducir custos e aumentar a resolución de imaxes ata 16 veces.
Aguia – Proxecto Smart Pavement Analytics (Galicia): Análise de imaxes e elaboración de informes automáticos para a inspección de infraestruturas liñais.
ITINERARIO DE ACELERACIÓN
Enercraft (Galicia): Solución de xestión enerxética e monitorización de datos para a optimización do uso e prolongación da vida útil das baterías dos vehículos non tripulados, reducindo a pegada industrial.
Generadron – Proxecto Dronewind II (Galicia): Mellora na toma de datos das pas dun aeroxenerador en movemento e a automatización avanzada do proceso para poder comercializar tanto o sistema como o servizo. (Participante na primeira edición de BFAero).
Beagle Technology (Galicia): Solución que inclúe software e hadware para ofrecer conciencia situacional mellorada en situacións de emerxencia (vídeo en tempo real xeoposicionado e posición de medios participantes propios ou alleos á mesma: embarcacións, aeronaves, ambulancias…).
Dronfies Labs – Proxecto Cielum (Uruguai): Plataforma de provisión de servizos U-Space que engloba módulos de xestión e control do espazo aéreo, a integración por software e por hardware.
Solucións aeronáuticas de Galicia – Proxecto Anduriña 25 (Galicia): Deseño, fabricación e comercialización dunha aeronave polivalente de grande autonomía con despegue e aterraxe vertical. É a primeira aeronave VTOL (engalaxe e aterraxe en vertical, polas siglas en inglés de “vertical take-off and landing”) redundante en todos os seus sistemas críticos desenvolvida e patentada en España.
ITINERARIO DE CONSOLIDACIÓN
SDMAP – Proxecto ATOM (Galicia): Ferramenta para a integración de drons en operación e mantemento de instalacións industriais. Crea un entorno de traballo, planifica operacións, xestiona e procesa datos para análises complexas. Hardware a software que optimiza a captura de información, xestión, almacenamento e consulta. (Participante na terceira edición de BFAero).
UAV Instruments- Proxecto CÍES 2.2 Solar Powered (Galicia): Fotogrametría e agricultura de precisión para vixilancia. Intervención temperá en incendios forestais e para asistencia de emerxencias en persoas situadas en zonas de difícil acceso aumentando a taxa de supervivencia. (Participante na terceira edición de BFAero).
FuVeX (Navarra): Automatización da inspección de liñas eléctricas mediante drons de longo alcance, trátase dunha iniciativa pioneira en España.