Destaca a alianza con “tres compañías de recoñecida traxectoria internacional” nunha área estratéxica para Galicia

Explicou que suporá o desenvolvemento de máis de 40 proxectos de I+D no eido dos sistemas non tripulados con 49,8 millóns de euros achegados pola Xunta e 233 polo tecido empresarial

Airbus -referente do sector aeroespacial en Europa- e Telespazio -integrada en Leonardo & Thales Group, lider en solucións de alta tecnoloxía aplicadas a defensa, aeronáutica, seguridade, transporte e espazo- chegan a Galicia como socios tecnolóxicos da Xunta atraídos por un ecosistema xa consolidado Babcock, que desenvolveu un programa conxunto de I+D coa Xunta no período 2015-2020 e que dispón de instalacións dedicadas á I+D no eido dos UAVs no Parque Tecnolóxico e Industrial de Rozas, apuntala a súa presenza na Comunidade

O 64% dos fondos públicos investiranse en contratación de empresas galegas, universidades e centros tecnolóxicos

Galicia xa ten en execución 87M€ de fondos públicos no Polo Aeroespacial

Santiago de Compostela, 29 de setembro de 2022. O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que o Consello da Xunta informou na súa reunión desta mañá da selección de Airbus, Babcock e Telespazio como novos socios estratéxicos e tecnolóxicos do Polo Aeroespacial de Galicia. “Trátase dunha alianza con tres compañías de recoñecida traxectoria internacional” nunha área estratéxica para a nosa comunidade, indicou Rueda, que destacou que esta colaboración “permitirá contar con 283M€ de investimento público-privado e crear máis de 400 empregos ata 2026”.

O Polo Aeroespacial de Galicia é unha folla de ruta para os vindeiros catro anos que busca impulsar a investigación e a implantación de empresas do sector na comunidade galega.

En concreto, o titular do Executivo autonómico informou de que a sinatura dos acordos de asociación con estas compañías suporá o impulso de 40 proxectos de I+D no eido dos sistemas non tripulados con 49,8M€ de fondos públicos e 233 do tecido empresarial. Ademais, o 64% dos fondos públicos investiranse en contratación de empresas galegas, universidades e centros tecnolóxicos. A fórmula empregada é a da Compra Pública Precomercial, coa que o Goberno galego consegue un dobre obxectivo: mellorar a eficiencia dos servizos públicos e validar, testar e ser o primeiro cliente das solucións e produtos desenvolvidos polas empresas e centros de coñecemento, permitíndolles un mellor posicionamento no mercado global.

Deste xeito, Airbus, referente do sector aeroespacial en Europa, chega a Galicia cunha iniciativa que inclúe 20 proxectos de I+D cunha mobilización público-privada de 242,6 millóns de euros -dos que 28,7 serán achegados pola Xunta de Galicia- e a creación de 168 empregos directos. “Os proxectos centraranse no desenvolvemento de sistemas de propulsión de reducido impacto ambiental ou plataformas multioperacións para vehículos non tripulados”, indicou Rueda.

Pola súa parte, Babcock consolida a súa presenza no Polo Aeroespacial xunto con Telespazio compañía pertencente á multinacional franco-italiana Leonardo & Thales Group, líder mundial na operación de servizos aeroespaciais -que se incorpora- para desenvolver un programa conxunto que dea resposta ao reto da observación e xestión da biodiversidade que mobilizará 40,6M€ (21,18M€ procedentes da Xunta de Galicia e de fondos do Mecanismo para a Recuperación e a Resiliencia). En concreto, avanzarase na creación de tecnoloxías baseadas en vehículos non tripuladas para a xestión, vixilancia e monitorización da biovidersidade. Agárdase, ademais, a creación de 236 postos de traballo.

Froito do procedemento de diálogo que se desenvolveu ata o pasado mes de xullo aprobouse un listado de programas de interese preferente, presentados por sete empresas. Aínda que agora se elixen as iniciativas de tres delas, todos os programas están preparados para comezar a desenvolverse no caso de recibir fondos europeos, polo que Galicia non renuncia a seguir incorporando novos programas de I+D e novos socios.

 Esta licitación é unha das primeiras actuacións que se activaron no marco do Plan Estratéxico 2021-2025 do Polo Aeroespacial, folla de ruta que xa ten en execución 87M€ de fondos públicos e 233M€ en fondos privados con medidas como o Galaxy Lab, o desenvolvemento dunha infraestrutura de simulación e doutra de telecomunicacións avanzadas 5G, a firma dun convenio co Consorcio Aeronáutico Gallego, as novas convocatorias da Business Factory Aero ou o programa para as vocacións
científico-tecnolóxicas.
¡Participa!

Únete á comunidade Civil UAVS Initiative para compartires perspectivas sobre o sector.