A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, participou hoxe no encontro convocado para avaliar o Perte Aeroespacial

A Administración autonómica destaca a necesidade de que o reparto deste financiamento se realice con transparencia e contando coa colaboración do sector

Madrid, 26 de xullo de 2022. A Xunta de Galicia defende o papel protagonista que debe ter o Polo Aeroespacial de Galicia no Proxecto Estratéxico para a Recuperación e Transformación Económica vinculado a este sector e solicita o apoio do Ministerio de Ciencia e Innovación para que os proxectos de I+D+i da iniciativa estratéxica do Goberno galego, especializada no segmento dos vehículos non tripulados, conten con financiamento destes fondos europeos.

A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, participou hoxe en Madrid na reunión sobre o Perte na que participou a ministra de Ciencia e Innovación, Diana Morant, xunto coas comunidades autónomas, organismos públicos de investigación, así como a organizacións empresariais e sindicais con relevancia no sector, entre outros.

A Administración autonómica destaca a necesidade de que o reparto previsto no Perte, fondos que permitirán atraer investimento privado a Galicia, se realice con transparencia, garantindo a igualdade de oportunidades e contando co compromiso do sector no reparto das axudas.

A Xunta sinala o importante peso que ten o sector en Galicia e pon en valor que no marco do Polo Aeroespacial de Galicia se teñan investido 164 millóns de euros en proxectos de I+D+i no segmento dos vehículos e sistemas non tripulados nos últimos cinco anos; e que xa están en execución outros 84 millóns de euros dos 540 millóns previstos na nova planificación estratéxica que se desenvolverá ata 2025, un investimento público-privado condicionado ao acceso a financiamento europeo como é o caso do Perte.

A Administración autonómica tamén insiste na necesidade de coordinación e de sumar capacidades e esforzos na I+D+i aeroespacial, na que Galicia ten unha posición de referencia en España. O Consorcio Aeronáutico Galego agrupa a máis de 40 empresas, centros tecnolóxicos e de coñecemento dun sector de alta tecnoloxía que se foi consolidando nos últimos anos e que en 2021 mantivo o emprego e pechou o exercicio cun incremento de facturación do 6%. A industria aeronáutica e aeroespacial galega medrou de forma sólida e segue a ser un sector en pleno crecemento para o que os fondos europeos de recuperación, o Perte Aeroespacial e o Polo terán un efecto positivo para acadar os seus obxectivos e situar Galicia no panorama internacional.

O Polo Aeroespacial de Galicia é unha iniciativa estratéxica cunha gran capacidade transformadora e importantes resultados obtidos, con máis de 900 profesionais, 60 solucións tecnolóxicas e produtos no mercado dun total de 655 resultados obtidos e a creación de 24 novas empresas.

¡Participa!

Únete á comunidade Civil UAVS Initiative para compartires perspectivas sobre o sector.