A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, asistiu hoxe á presentación da Civil UAVs Initiative neste encontro dentro do World ATM Congress, un dos principais eventos profesionais do sector dos drons
Participan representantes de Indra, Babcock, Boeing, e Centum, así como do Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG) e startups que formaron parte da Business Factory Aero (BFAero), como Aeromedia e Aerocámaras
Madrid, 21 de xuño de 2022. A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argarey, participou hoxe na presentación do Polo Aeroespacial de Galicia que tivo lugar en Expodrónica 2022, feira que se celebra desde hoxe e ata o xoves 23 no marco do World ATM Congress, no recinto feiral Ifema de Madrid, na cal Galicia se posicionou, unha vez máis, como un referente para investir na industria dos sistemas non tripulados.
Na exposición ofreceuse unha visión integral da Civil UAVs Initiative relatada a través das voces dos seus protagonistas: a Administración galega, as empresas, os centros tecnolóxicos, as entidades usuarias dos proxectos de Compra Pública de Innovación e as startups. A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, puxo en valor que a Civil UAVs Initiative naceu coa mirada posta en especializar e fortalecer o sector industrial galego. A directora sinalou que “contamos cun número crecente de integrantes do ecosistema que viñeron para quedar e seguir aumentando a súa dimensión, as súas metas e os seus servizos” e destacou as capacidades das empresas e centros de coñecemento que participan no Polo Aeroespacial de Galicia.
No encontro participou unha representación dos máis de 50 axentes que forman parte da Civil UAVs Initiative, como é o caso de Boeing, Babcock, Indra, Centum Research & Technology, o Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG), a Fundación CEL – Iniciativas por Lugo, Aeromedia, e Aerocámaras, entre outros.
A Civil UAVs Initiative apoia a organización de Expodrónica, cuxo teatro leva unha vez máis o nome da iniciativa galega para o desenvolvemento e consolidación dunha industria dos vehículos e sistemas non tripulados de uso civil e a súa aplicación nos servizos públicos.
No Civil UAVs Initiative Theatre ofrécese, durante os tres días de celebración do World ATM Congress, unha programación enfocada ao futuro da aviación e á integración da mobilidade aérea avanzada, xestión do tráfico de sistemas non tripulados, vehículos aéreos autónomos e remotamente pilotados ou novos sistemas de xestión do tráfico aéreo.
O Polo Aeroespacial de Galicia está presente tamén na área de exposicións deste destacado evento, onde comparte stand co Consorcio Aeronáutico Galego; e no que empresas como Indra, Seadrone, Centum, Aerocámaras, UAV Works e Lupeón amosarán os seus produtos e servizos e realizarán demostracións durante os tres días de Expodrónica.
O programa de incubación, aceleración e consolidación de empresas da Civil UAVs Initiative, Business Factory Aero, manterá o prazo de presentación de candidaturas desta cuarta edición aberto ata o vindeiro 15 de agosto, dispoñendo tamén dun espazo propio na feira.
Folla de ruta do Polo Aeroespacial de Galicia
A Xunta de Galicia xa ten en execución 84 millóns de euros no novo período de actuacións da Civil UAVs Initiative. Na actualidade están abertas dúas licitacións: unha de Compra Pública Precomercial para a selección de novos socios estratéxicos e industriais no marco do programa de I+D, para o que está previsto un investimento de máis de 50 M€, incluíndo o financiamento obtido do Plan Complementario de Biodiversidade; e unha segunda contratación para avanzar na incorporación de sistemas non tripulados aos servizos públicos galegos, na que se investirán 6,5 M€ para o desenvolvemento e adquisición de solucións innovadoras aplicadas á xestión de emerxencias sanitarias, sociais e forestais e dos recursos mariños. Tamén se adxudicou xa o proxecto de simulación avanzada para a xestión do tráfico aéreo U-Space no Centro de Investigación Aeroportada de Rozas (CIAR), unha licitación lanzada polo Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico Industrial (CDTI) e adxudicada a Indra e Boeing por valor de 12,75 millóns de euros.
Con estas actuacións, a Xunta de Galicia avanza para desenvolver o Polo Aeroespacial como epicentro da I+D+i no segmento dos vehículos non tripulados, mellorar a eficiencia dos servizos públicos mediante o uso de drons, crear emprego de calidade e internacionalizar os produtos e servizos desenvolvidos polas empresas galegas do sector aeroespacial, apoiando a súa chegada a novos mercados.