• Investirá 6,5 M€ nesta contratación do Polo Aeroespacial de Galicia coa que se impulsa a compra inmediata de solucións moi próximas ao mercado para a súa incorporación á carteira de servizos da Administración autonómica

  • A iniciativa serve ao mesmo tempo de estímulo para o tecido empresarial, con especial atención ás pemes, e os centros de coñecemento galegos

  • Galicia xa ten en execución 84M€ de fondos públicos no Polo Aeroespacial, dentro da nova estratexia aprobada o ano pasado e que aspira a mobilizar un total de 540M€ ata 2025, se finalmente se consegue a asignación de fondos europeos por parte do Goberno central

Santiago de Compostela, 1 de maio de 2022. A Xunta de Galicia publica a licitación coa que investirá preto de 6,5 millóns de euros no desenvolvemento e adquisición de novas solucións innovadoras con vehículos non tripulados aplicadas ás emerxencias sanitarias e sociais e á xestión forestal e dos recursos mariños.  A licitación vénse de publicar na Plataforma de contratos públicos de Galicia e foi enviada ao Diario Oficial da Unión Europea (DOUE). O prazo de presentación de solicitudes de participación remata o 30 de maio, e o vindeiro 13 de maio realizarase na Axencia Galega de Innovación, de xeito presencial e telemática, unha xornada de presentación.

O Goberno galego busca impulsar a compra inmediata de solucións innovadoras moi próximas ao mercado, e polo tanto realizables en menos de 12 meses, que poden partir de resultados intermedios do período anterior do Polo Aeroespacial de Galicia ou doutros avances tecnolóxicos, para a súa incorporación a curto prazo á carteira de servizos da Xunta de Galicia.

A fórmula da licitación é a da Asociación para a Innovación, coa que a Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, a través da Axencia Galega de Innovación, consegue un dobre obxectivo. Por un lado, mellorar a eficiencia dos servizos públicos e, por outro, validar, testar e ser o primeiro cliente das solucións e produtos desenvolvidos polas empresas e centros de coñecemento, permitíndolles a futuro un mellor posicionamento no mercado global e apoiando de forma específica ás pequenas e medianas empresas.

Os proxectos, que serán financiados con fondos React-EU e fondos propios da Administración autonómica, deberán centrarse, en concreto, no desenvolvemento e adquisición de solucións innovadoras por medio de vehículos non tripulados (UAVs) para a atención sanitaria urxente no Camiño de Santiago; a monitoraxe de zonas forestais para a prevención, extinción de incendios e restauración post-incendios; a inspección e vixilancia pesqueira, marisqueira e acuícola; a localización de persoas extraviadas; e para a análise de poboacións de sementes de mexillón e especies cohabitantes.

Con esta licitación o Polo Aeroespacial de Galicia continuará impulsando a colaboración público-privada no eido da innovación e a industria, co obxectivo de impulsar a participación fundamentalmente de pemes e dos centros de coñecemento no desenvolvemento de solucións innovadoras.

Adicionalmente a esta nova licitación de 6,5 millóns de euros, xa se destinan neste momento 2,9 millóns a solucións tecnolóxicas que se están despregando e incorporando na operativa dos servizos públicos da Xunta de Galicia e que se enmarcan dentro do primeiro período do Polo Aeroespacial.

Entre as solucións xa en marcha con vehículos non tripulados están as mostraxes de augas marítimas e costeiras e de augas interiores; o inventariado forestal e detección de afectacións por pragas forestais; ou solucións no eido da cartografía ou nos usos do solo en Galicia.

¡Participa!

Únete á comunidade Civil UAVS Initiative para compartires perspectivas sobre o sector.